Rescatan un mergullador en apertos nunha zona de rocas da praia de Foxos
Por Natalia Puga
Un amplo dispositivo de rescate que implicou efectivos de Salvamento Marítmo, a Garda Civil, os Gardacostas de Galicia e Emerxencias de Sanxenxo logrou esta sábado evacuar en bo estado a un mergullador que sufriu dificultades mentres se mergullaba na contorna da praia de Foxos e acabou nunha zona de rocas.
Todo ocorreu sobre as 20.30 horas deste sábado. Dúas persoas que se atopaban mergullando na contorna da praia de Foxos sufriron dificultades e mentres unha logrou chegar á praia polos seus propios medios, a outra acabou nunha zona de rocas.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o mergullador que logrou chegar a terra estaba a se mergullar no momento dos feitos e o outro estaba abordo dunha lancha. Por un golpe de mar, caeu á auga e acabou na zona rochosa.
Dada a zona na que quedou atrapado ese mergullador, non foi posible rescatalo por terra, de modo que foi necesario proceder á súa evacuación por mar. Un helicóptero de Salvamento Marítimo logrou chegar a el e levalo a un lugar seguro en perfecto estado. Segundo fontes municipais de Sanxenxo, foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O operativo de rescate tivo momentos de tensión, pois nun primeiro momento tan só apareceu o mergullador que foi dar ás rocas e non había rastro do paradoiro do seu compañeiro, pero pouco despois apareceu en terra en bo estado.
O 112 mobilizou un amplo operativo de rescate por terra e mar.