Sétima Feira di ata logo cun exitoso peche de tempada e volverá despois do verán
Por Redacción
O tempo acompañou e os pontevedreses tamén, de maneira que Sétima Feira tivo este sábado unha exitosa despedida da tempada. A cita coa moda, o deseño e os artistas emerxentes saíu do mercado para esta última edición antes do verán e logrou encher a rúa Serra.
Este mercado alternativo que un sábado ao mes ocupa o primeiro andar do mercado de Pontevedra baixou nesta ocasión e entre as 11.00 e as 15.00 horas logrou congregar a un nutrido grupo de pontevedreses, que gozaron da música de Charlie Swamp DJ mentres mercaban nos 14 postos instalados nesta derradeira cita da tempada.
Alén Das Olas Cerámica, Beeh Sweet, Cetácea Estudio, Conloquetengo, Contraform, Editorial Discursiva, Ele-shop, Graphics Project, Liliana Valverde, Merypuch, Sofia Venzel illustration, SomosOcéano, Variopinto e Xogando co vento + Cositas para los más peques completaron a oferta deste sábado.
A cita, como é habitual, foi para un público familiar e deu aos nenos un espazo destacado. Nesta ocasión, a rapazada creou un mapa interactivo, resultado de combinar ilustración e interacción da cativada participante no Fervedoiro Creativo.
Sétima Feira é unha iniciativa impulsada pola Área de Promoción Económica do Concello de Pontevedra que ten como finalidade dinamizar a escena creativa da vila, favorecendo un espazo para o emprendemento creativo, e apostando pola colaboración entre os creadores emerxentes e o comercio local.