Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción
A unha semana para a celebración de pleno de constitución da nova corporación municipal de Ponte Caldelas, na que tomarán posesión os 13 concelleiros electos (8 do PSdeG-PSOE, 3 do PP e 2 do BNG) e se producirá a votación para a elección do alcalde, o inminente equipo de goberno caldelán reuniuse para trazalas liñas mestras dos próximos catro anos.
O alcalde en funcións, Andrés Díaz, xunto cos novos concelleiros socialistas Pilar Couto, José Manuel Martínez, Leticia Rocha, Enrique Vidal, Aurora Garrido, Pepe Garrido e Inés Garrido, que conforman a maioría absoluta do grupo socialista saída das urnas, comezaron a preparación do pleno de constitución do próximo día 15 e do pleno de organización, que o alcalde ten intención de celebrar nos días seguintes.
Segundo informaron fontes oficiais do Partido Socialista, na xuntanza abordáronse tamén os asuntos principais a impulsar na primeira parte do mandato, entre os que destaca a licitación para a construción e explotación da futura estación termal de Ponte Caldelas nos terreos do antigo balneario, é dicir, a finca adquirida polo Concello á SAREB.
O novo goberno centrará tamén os seus esforzos na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxo borrador xa foi presentado á Xunta de Galicia e precisa do impulso durante este mandato para desatascar definitivamente a construción tanto no ámbito urbano como no rural e tratar de solucionar o grave problema dos expedientes de derrubo que ten abertos a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia.
Os proxectos urbanos complétanse coa intención de reformar as avenidas de Galicia e de Vigo e de executar os aparcamentos urbanos na finca da Valdarrosa (subida ao instituto) e Central (detrás da ludoteca), para os que xa existen acordos cos propietarios dos terreos.
O Concello centrará, ademais, gran parte dos seus esforzos en continuar realizando obras e melloras no rural en sintonía coas necesidades expresadas pola veciñanza, coa que pretende manter un "diálogo aberto, constante e fluído ao longo do mandato, como xa sucedeu no que vén de rematar".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas aprobará este martes o anteproxecto da futura estación termal
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas modificará o proxecto da estación termal para ter o visto bo de Augas de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz pide por terceira vez un encontro con Núñez Feijóo para desbloquear proxectos urbanísticos
Por Redacción |
-
200 novas prazas incrementan o número de aparcadoiros no centro de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O PP e o BNG critican o custo do goberno local de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas celebra este venres o seu pleno organizativo para botar a andar o mandato
Por Redacción |
-
Andrés Díaz seguirá como alcalde de Ponte Caldelas e co seu "estilo de portas abertas"
Por Oskar Viéitez |