Denuncian outro colapso en Urxencias do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez
O sindicato Prosagap denuncia que o servizo de Urxencias do Hospital Montecelo leva dous días colapsado.
Segundo este sindicato, os pacientes están a ter que esperar entre 5 e 7 horas para ser atendidos. Mentres agardan distribuídos nas salas de espera e en padiolas polos corredores, ante a falta de camas. O persoal sanitario tivo que utilizar as salas de Reanimación para facer oco aos pacientes de Urxencias.
A xerencia da área sanitaria tivo que reforzar o persoal, pero seguían faltando celadores, explicaron desde Prosagap.
Este sindicato mantén para o día 10 de maio a convocatoria dunha nova marcha, a terceira, en contra do peche de camas.
Afirman que este ano se pecharán ou deixarán de utilizar as camas de: Medicina Interna III, lactantes, pneumoloxía, cirurxía xeral e a terceira planta do Hospital do Salnés.
"Todos xuntos temos que saír á rúa e impedir que se produza este peche, que o único que pretende é derivar aos nosos pacientes a hospitais privados por non contratar profesionais nos nosos hospitais públicos", sostén Prosagap. "Entre todos temos que esixir que se utilicen todas as camas nos nosos hospitais porque as necesitamos, porque no período estival seguimos enfermando e queremos unha curación digna nos nosos hospitais", engaden.
Esta manifestación partirá ás 20 horas do próximo venres, 10 de maio, da Praza de España de Pontevedra ata chegar ao Hospital Provincial.