O PSOE aposta por unha ordenanza de Mobilidade Sostible e Inclusiva para regular a circulación de bicis e patinetes
Por Redacción
A agrupación municipal do PSOE promete crear e impulsar ao longo do primeiros seis meses do próximo mandato unha ordenanza de Mobilidade Sustentable e Inclusiva que permita solucionar "o caos actual e os problemas de convivencia entre peóns, condutores, ciclistas e usuarios de vehículos de transporte persoal, como os patinetes eléctricos".
O número tres da candidatura socialista Iván Puentes anunciaba esta proposta co obxectivo de crear un instrumento para que se rexistre unha mobilidade amable, pacífica e segura na cidade.
Para o representante do PSOE a prioridade é para os peóns, despois para os ciclistas e en terceiro lugar para os usuarios dos dispositivos de transporte persoal. O último lugar sería para os condutores de coches. Entende que na ordenanza debe atenderse ás especiais necesidades das persoas de avanzada idade, cegas ou con mobilidade reducida.
Sinala que nas reunións mantidas con diversos colectivos veciñais e entidades as queixas céntranse en que o Concello non ten en conta as súas peticións. Critica, ademais, que o goberno local pagara "unha pasta" ao enxeñeiro Fernando Nebot para facer un informe de mobilidade que gardan nun caixón.
Recolle tamén as queixas do colectivo Pedaladas, que indica que Pontevedra conta tan só 4,5 quilómetros de carril bici mentres que os viarios para bicicletas chegan a 7 quilómetros, pero en boa parte de uso compartido con peóns. Tamén destaca o aumento de patinetes eléctricos, que provocan situacións de risco e algún accidente.
O concelleiro socialista entende que esta nova regulación debe acordarse con todos os colectivos e axentes sociais para garantir unha mobilidade sen incidentes.
Relacionadas:
-
Sofre un accidente cun patinete eléctrico e acaba multado por ir con el pola beirarrúa e borracho
Por Natalia Puga |
-
Os socialistas comprometen itinerarios "máis seguros" para as persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Pontevedra non ve "ningunha posibilidade" de autorizar os patinetes polas beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas recomenda non usar patinete eléctrico nas rúas de Pontevedra ata que se actualice a ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Pedaladas cre que a Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra non se aprobará neste mandato
Por Oskar Viéitez |