Unha viaxe polo interior de Terras de Pontevedra: que visitar en Cerdedo-Cotobade
A tan só 22 quilómetros da cidade de Pontevedra, atópase o concello de Cerdedo-Cotobade, un lugar de gran riqueza natural e patrimonial. Cruzado polo rio Lérez na súa parte norte e limitado ao leste pola Serra do Cando, os seus máis de 200 quilómetros cadrados de extensión son o resultado da fusión realizada en 2016 dos concellos de Cerdedo e de Cotobade, a segunda fusión deste tipo que se produciu en España dende 1981.
O concello conta, ademais, cun importante calendario de festas gastronómicas e numerosas rotas de sendeirismo e BTT coas que explorar os espazos protexidos LIC Val do Lérez e LIC Serra do Cando. Pero, que non te deberías perder no concello?
Neste artigo compartimos 7 imprescindibles para a túa próxima viaxe polo interior de Terras de Pontevedra a través do concello de Cerdedo-Cotobade:
1- MONTE SEIXO E PORTA DO ALÉN
No cumio do Monte Seixo, practicamente no límite do concello, atópase un gran miradoiro con grandiosas vistas da provincia de Pontevedra. O xeo, a auga e o vento crearon aquí insólitas formacións rochosas, entre as que se atopa a coñecida como Portalén ou Porta do Alén.
A cultura popular sitúa aquí un antigo portal a outros mundos, dende o que é posible falar cos nosos antepasados, tras cruzalo de norte a sur.
Preto de aquí, atópase a Capela de Santa María de Seixo.
No veciño Cerdedo, antiga capital do concello, atoparemos tamén un treito da calzada romana e unha ponte medieval ao pé da ermida de San Antón.
2- AS EIRAS
Malia que os hórreos son un dos elementos máis representativos de Galicia, as eiras ou conxuntos de hórreos en zonas comunais foron desaparecendo co paso do tempo para dar paso a outros tipos de construcións e explotacións do espazo común. O concello de Cerdedo-Cotobade conta con algunhas das mellor conservadas, catalogadas como bens patrimoniais.
Por un lado, a Eira da Pena, preto da Praza do Concello de Cerdedo, conta con 9 hórreos ao redor dun prado que antes se usaba para as mallas colectivas (golpear os cereais para desprender o grao).
A tan só 7 quilómetros de Cerdedo, atópase a coñecida como Eira da Ermida ou de Filgueira. Cunhas magníficas vistas sobre o val de Quireza, este conxunto agrupa 21 hórreos en un moi bo estado de conservación, a carón da ermida da Virxe dos Remedios e un cruceiro.
Xa en Pedre, a coñecida como Eira Grande, agrupa 12 hórreos rehabilitados e, ao seu carón, outra eira máis pequena chamada Eira do Pallal.
3- A PONTE DE PEDRE
Achegarse á ponte de Pedre é unha boa escusa para descubrir o río Lérez na súa afluencia co río Quireza. Sobre unha antiga vía romana que foi paso de peregrinos e viaxantes, a ponte foi reconstruída no século XIII e cóntase que foi o mesmo Pedro de Pedre, o pai do Mestre Mateo, quen a fixo.
O acceso á ponte entre carballeiras e soutos, tan só acompañados polo son dos paxaros, conecta co sendeiro circular das Pontes do Lérez, de 28 quilómetros, e levarános á próxima aldea de Serrapio.
En Pedre, ademais da ponte e da Eira Grande, están uns petróglifos atopados recentemente. O acceso está sinalizado e pódese acceder a través dunha pista forestal.
4- A PECULIAR ALDEA DE SERRAPIO
Subidos enriba dunha inmensa rocha atópanse en Serrapio: unha ermida, un pombal, unha poza e dous cruceiros, restos dun antigo vía crucis. A estampa é, por si soa, chamativa, pero engádeselle unha das panorámicas máis impresionantes do val.
Con menos dunha ducia de veciños, os paxaros, as vacas e a natureza parecen fundirse aquí dende tempos inmemoriais.
5- OS PETRÓGLIFOS DE FENTÁNS
Seguindo pola estrada que nos trouxo a Serrapio cara ao veciño concello de Campo Lameiro, atópase a aldea de Fentáns. Aquí, nun pequeno camiño sinalizado, é posible visitar máis de 300 gravados. Entre os mais senlleiros, están a Pedra das Ferraduras, a Laxe dos Cebros e o Couto do Rapadoiro.
A importancia destes gravados é tal que o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro conta cunha reprodución da Pedra das Ferraduras dentro da súa exposición permanente.
Na mesma parroquia de San Xurxo de Sacos, atópase tamén o conxunto de Outeiro do Lombo da Costa, considerado como o de maior envergadura da rexión. Neste atópase o petróglifo Laxe das Rodas, con preto de 50 combinacións de círculos concéntricos, cérvidos de pequeno tamaño e a Laxe do Cuco, con figuras de cérvidos, combinacións circulares e cazoletas.
Na veciña Viascón, tamén atopamos dous importantes grupos de arte rupestre: os petróglifos de Portela da Laxe e a Laxe das Rodas do Lombo da Costa.
6- A CASA DA GAITA
Berce dun dos grandes gaiteiros de Galicia, Ricardo Portela Bouzas, Viascón conta cun singular museo adicado á gaita de fol, a súa historia e os seus intérpretes. A exposición inclúe gaitas antigas e outros instrumentos musicais que tradicionalmente acompañaban o seu son, así como numerosas fotografías e recursos multimedia que nos achegan á historia dos distintos instrumentos galegos e aos seus músicos.
O centro abre habitualmente de luns a venres, pero a entidade que o xestiona, a Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza actividades e exposicións temporais en torno a este instrumento ao longo de todo o ano.
7- CARBALLEIRA DE SAN XUSTO
A Carballeira de San Xusto é un tradicional punto de encontro á sombra de carballos centenarios e castaños. Este espazo está presidido por un cruceiro e unha capela, cuxo presbiterio remóntase ao século XV e que celebra unha romaría a principios de agosto.
O sendeiro de San Xusto, PR-G29, parte da capela, segue ata a espectacular Ponte Nova e continúa ata Fentáns e os seus petróglifos, coa opción de retornar por Cutián para realizar un percorrido circular. No camiño, atoparemos 8 muíños, os antigos Baños de San Xusto e frondosos bosques de ribeira e caducifolios autóctonos.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: terrasdepontevedra.org/descarga-app