Pontevedra conmemorará os 850 anos dos seus "primeiros pasos" como cidade
Por Alejandro Espiño
O Museo de Pontevedra conserva un documento vital para acreditar a orixe de Pontevedra como vila. Trátase do Foro de Pontevedra, o documento asinado polo rei Fernando II en 1169 que deu privilexios aos vasalos locais e que supuxo, sen dúbida algunha, os seus "primeiros chanzos" como cidade.
Agora, no ano no se cumpre o 850 aniversario da sinatura deste documento, o Concello prevé conmemorar esta efeméride por todo o alto.
O goberno municipal, a través do departamento de Cultura, traballa xa na organización dunha serie de actividades e actos culturais e educativos que recordarán este importante fito, que supuxo un recoñecemento institucional explícito da categoría urbana de Pontevedra.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, avanzou que está prevista unha publicación na que participarán unha ducia de expertos no mundo medieval nos seus diferentes eidos
Este libro, dunhas 80 páxinas, estará coordinado polo lingüista Xosé Abilleira Sanmartín e recollerá o propio concepto de foro, o reinado de Fernando II, a fronteira entre Galicia e Portugal, o inicio da cidade portuaria de Pontevedra, a importancia do idioma ou o protagonismo da raíña Urraca.
"Pretende ser unha obra que agrade a todo o mundo e que se poida empregar, incluso, como catálogo de promoción da cidade", sinalou a edil.
No libro participarán, entre outros, Mercedes López Mallán e Marina Aurora Garzón Fernández, expertas en Historia da Arte; Anselmo López Carreira e Francisco Calo Lourido, catedráticos de Xeografía e Historia; Francisco Rodríguez, autor de obras vinculadas co medievo; os filólogos Ana Acuña e Ricardo Pichel e os medievalistas Cilia Torna, Silvia Cernadas, Alberto Lago Villaverde e Miguel García Fernández.
A publicación será difundida a través de distintas palestras que abordarán estes estudos sobre o Foro de Pontevedra.
Ademais, dous departamentos das facultades de Educación e de Telecomunicacións da Universidade de Vigo están a traballar conxuntamente na creación dun material didáctico sobre o foro para ser repartido nos centros de ensino no curso 2019-20.
Esta unidade didáctica estará vinculada a un videoxogo "xa que é interesante transmitir estes contidos a través dunha linguaxe que o alumnado actual domine", segundo explicou Fouces.
Ao tempo, e aproveitando a exposición da ponte do Burgo, farase unha recreación con realidade aumentada desta infraestrutura medieval, "complemento de excepción" para a obra de peonalización da ponte que se está a executar actualmente.