Cotobade defende o seu campo de tiro e ataca a Pontevedra: "ÿ unha cidade en desmantelamento"
Por Redacción
As críticas xurdidas en Pontevedra respecto do proxecto do campo de tiro de Borela (Cotobade) atoparon pronta resposta no concello veciño. Despois de que Agustín Fernández cualificase de "despilfarro innecesario" estas instalacións ante a existencia de Cernadiñas Novas, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, cargou duramente contra o goberno municipal de Pontevedra.
Nun comunicado remitido á prensa, Jorge Cubela asegura que "nós non queremos para Cotobade o que pasa en Pontevedra, que despois de 14 anos de gobernos de perdedores, Pontevedra é unha cidade en desmantelamento". Así o demostra, di, a falta de PXOM, de chan industrial, de circunvalación, de transporte urbano, de tanatorios ou de escolas infantís municipais ou que non teña máis infraestructuras deportivas "que as que fai a Deputación".
Di Cubela que o campo de tiro de Cotobade "é un xeito de fixar poboación, de dinamizar a economía do concello, de ser un revulsivo para a zona". Asegura que non ten "nada que ver" co de Cernadiñas Novas en Xeve, "que presenta dende fai anos numerosos problemas xurídicos para a súa ampliación e diversos contenciosos coa comunidade de montes nos terreos nos que se asenta".
Segundo o alcalde de Cotobade, chegaron a falar ata coa directiva das instalacións pontevedresas poder trasladar ao futuro campo de Borela parte das súas instalacións e dos seus asociados. Insiste no que a infraestructura de Cotobade "terá outro nivel, complementario e para outro público" e organizaranse numerosas actividades, para o que contan co apoio dos comuneiros "e nunha zona onde non molesta a ninguén".
DURAS CRITICAS CONTRA AGUSTIN FERNANDEZ
Con respecto a Agustín Fernández considera Jorge Cubela que "quere aplicar a Cotobade o que fai ou Concello de Pontevedra, que non só non atrae inversión, senón que as expulsa ou as frea", e neste sentido sinalou que "aí está o recurso contra o Hospital, as ducias de comercios que pechan, a inseguridade sobre os tanatorios, son ambiguos coa Brilat..." e reitera que en Cotobade "non imos consentir isto".
"Nin el nin o seu partido pintan nada no goberno de Pontevedra", ironiza Cubela, que recomenda ao edil pontevedrés que "en lugar de querer gobernar Cotobade que se ocupe en lograr para a súa cidade algo máis que lugares para pasear", concluíndo cunha rotunda mensaxe: "que non pense ou señor Tino Fernández que imos ser unha parroquia da súa concellería, que goberne a súa casa que da de Cotobade xa nos encargamos os cotobadenses".
As críticas do regidor de Cotobade estendéronse a todo o PSdeG-PSOE, ao que chega a cualificar como "o exército de Pancho Vila", ao asegurar que "di unha cousa en Pontevedra e a contraria en Cotobade", ao apuntar que o partido neste municipio apoia este proxecto do campo de tiro. Cre ademais que se trata dun partido "desconectado" da sociedade civil, xa que "viven refuxiados nos catro que conforman o aparello do partido".