Pontevedra oponse ao campo de tiro de Borela e acusa á Xunta de "deixar morrer" Cernadiñas Novas
Por Alejandro Espiño
Ao Concello de Pontevedra non lle gustou nada a intención de Cotobade de impulsar o seu propio campo de tiro cando "a menos de 15 quilómetros" atópase o de Cernadiñas Novas "o único campo de tiro público que hai en Galicia". Así o manifestou este xoves o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, que verbalizou a "oposición frontal" do goberno municipal pontevedrés a este "despilfarro innecesario".
Di Agustín Fernández que Pontevedra acolleu con "sorpresa" este proxecto, impulsado pola Comunidade de Montes de Borela (Cotobade) pero no que a Deputación de Pontevedra "é o paganini". E nunha época, explicou, "de recortes continuos en cuestión básicas", investir máis dun millón de euros nunha instalación deste tipo é "obsceno", cando en Pontevedra existe "un campo de tiro olímpico público que é da Xunta".
Neste sentido, o concelleiro socialista acusou ao goberno galego de "deixar morrer" a Cernadiñas Novas, malia que é utilizado habitualmente por máis de 600 tiradores, entre deportistas, afeccionados e membros dos corpos de seguridade. "Tendo unha instalación que cumpre é un insulto gastar tantos cartos para facer un campo novo", insistiu, tras o cal esixiu á Xunta o compromiso adquirido no seu día de remodelar as instalacións pontevedresas.
Ademais, Agustín Fernández acusou ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, de intentar "xustificar o seu proxecto con mentiras". Negou que o campo de tiro de Cernadiñas Novas vaia a ser clausurado pola Garda Civil en 2014 e reiterou que cumpre con toda a normativa que regula este tipo de instalacións, entre elas, as relativas á autorización para o uso de armas. "Leva funcionando 40 anos, foi inspeccionado hai semanas e cumpre con toda a lexislación", dixo.
O concelleiro de Deportes afirmou que "non é o único de ficticio" que ten este proxecto. Asegurou que o campo de tiro de Borela está presupostado inicialmente en 1,1 millóns de euros "e se vai a quedar baixo". Recordou que Cotobade ten como modelo un campo de tiro de Granada que custou máis de 10 millóns de euros, polo que sospeita que "como en moitísimas outras obras patrocinadas pola Deputación", o custo multiplicarase "ata por cinco".
Con respecto ás diferenzas entre ambos campos de tiro, máis aló da titularidade das instalacións, Agustín Fernández, quixo deixar claro que o campo de Borela "será inviable para certos campionatos deportivos", xa que tan só contará cunha galería de tiro compartida para as modalidades de 25, 50 e 300 metros, mentres que Cernadiñas Novas ten tres, unha para cada distancia.
Para intentar frear este proxecto, o PSdeG-PSOE presentará senllas iniciativas no Parlamento galego e na Deputación de Pontevedra e, pola súa banda, o Concello de Pontevedra solicitará unha entrevista co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para expoñer o malestar municipal e expresarlle que cun investimento de 300.000 euros, Cernadiñas Novas "quedaría en perfectas condicións para ser utilizado para calquera tipo de competición".
Relacionadas:
-
Agustín Fernández contesta ao alcalde de Cotobade: "Si la excusa es hacer un campo de tiro para las sociedades de caza, que lo diga"
Por Redacción |
-
Cotobade defende o seu campo de tiro e ataca a Pontevedra: "ÿ unha cidade en desmantelamento"
Por Redacción |
-
Cubela lamenta as críticas dos socialistas ao campo de tiro de Borela
Por Oskar Viéitez |