Esnaquizan 20 castiñeiros no Monte San Martiño de Salcedo
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Salcedo denuncia a desfeita de 20 castiñeiros de catro anos de antigüidade no Monte San Martiño da parroquia pontevedresa de Salcedo. Os feitos ocorreron na madrugada do 1 ao 2 de marzo, segundo afirman os comuneiros.
Este colectivo entende que este acto vandálico é unha represalia contra os comuneiros por retirar dous cabalos que se detectaron causando danos nas plantacións de frondosas, coníferas e especies de ribeira que se está plantando no monte.
Segundo sinalan desde a Comunidade de Montes, o 27 de febreiro os cabalos estaban a desfacer as de pseudotsugas (abetos de Douglas) que douscentos escolares do colexio de Campolongo plantaran. Un dos cabalos tiña un chip de identificación que permitiu localizar ao dono.
Desde a Comunidade de Montes de Salcedo lamentan a nocturnidade e aleivosía que se está exercendo para esnaquizar o traballo e o esforzo económico que procura facer un monte produtivo e sustentable. Este colectivo tenta eliminar especies invasoras como o eucalipto ou as acacias para substituílas por frondosas.
Presentáronse denuncias ante a Policía Nacional á espera de que a administración actúe. "Estes cuatreros deben ter moi claro
que a razón está da nosa parte e van ter que romper moitas árbores e durante moitos anos para impedir que continuemos co noso proxecto", afirman os comuneiros.