Todos os partidos políticos de Bueu esixen ao Sergas unha segunda praza de pediatría no Centro de Saúde
Por Redacción
Os grupos municipais da corporación de Bueu, BNG, PP, PSOE e ACB-SON, aprobaron no pleno deste luns 4 de marzo unha moción conxunta para esixir ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a cobertura, de forma inmediata e definitiva, da segunda praza de pediatría do Centro de Saúde de Bueu.
A proposta pon de manifesto, segundo o goberno local, a redución de servizos na sanidade deste municipio. Sinalan que desde o mes de novembro de 2018 decidiuse trasladar á segunda especialista pediátrica a outro ambulatorio. Desta forma, quedaba só unha persoa especialista que se ve obrigada a facer fronte ao dobre de traballo, ata o punto de que ten que atender a máis de 50 pacientes diarios.
O alcalde e a concelleira de Sanidade de Bueu reuníronse o 15 de novembro de 2018 co xerente dos Hospitais públicos de Pontevedra, José Ramón Gómez, que indicou que esta vacante formaría parte do próximo concurso de traslados e que podería convocarse antes de que finalizase o ano. Con todo, esta promesa non se cumpriu.
Por este motivo, o 16 de decembro levaba a cabo unha manifestación en Bueu coa participación de máis de 400 persoas na que tamén se denuncian as longas listas de espera para a atención pediátrica.
O goberno local afirma que hai poucas semanas, o xerente comunicoulle ao alcalde que o SERGAS se está atopando con dificultades para cubrir esta praza, pero afirma que non teñen previsto amortizar esta segunda praza.
O pleno tamén aprobou unha moción conxunta dos catro grupos relativa ao apoio á folga feminista do 8 de marzo. Nesta moción comprométense a adoptar as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se somen á reinvidicación. Tamén se aproba a colocación da bandeira feminista.