A débeda municipal de Ponte Caldelas quedará en 912.463 euros ao final do ano
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) informou que ao remate deste ano 2019, unha vez realizadas as amortizacións previstas, a débeda municipal quedará en 912.463 euros, "por debaixo da herdanza recibida do anterior equipo do PP" que no ano 2015, era, en cifras redondas, de 1 millón de euros.
A 31 de decembro pasado, despois dos fortes investimentos tanto no centro urbano como no rural que está a realizar o equipo de goberno de Ponte Caldelas e da adquisición da parcela do Balneario ao SAREB, a débeda municipal estaba en 1.396.000 euros.
Os Orzamentos para 2019, que se aprobarán inicialmente a finais deste mes de xaneiro, non prevén a contratación de ningunha nova operación de crédito. Os Orzamentos contemplan unha amortización de 216.000 euros durante o ano. A esa amortización programada o Goberno local engadirá a amortización íntegra (utilizando os remanentes do exercizo 2018) do crédito por valor de 303.171 euros contratado a finais do ano pasado co BBVA nunha operación de tesourería para, entre outras cousas, dispoñer da liquidez inmediata para a compra do Balneario.
O Goberno local recalca tamén que nestes 4 anos conxelou os impostos e mesmo reduciu algúns como o de vehículos. Ao mesmo tempo reduciu a taxa por subministro de auga e eliminou outras como as de instalacións deportivas e da Área Arqueolóxica.
En resumo, segundo o goberno tripartito, Ponte Caldelas rematará o exercizo de 2019 "cun patrimonio municipal máis rico" despois de despregar un forte investimento nas infraestruturas municipais ao longo do mandato e "cunha débeda inferior á do último xestionado polo PP".
Estas contas son criticadas polo actual candidato do PP á alcaldía do municipio, Antón Xil que asegura que os orzamentos para o 2019 contemplan unha débeda viva a medio e longo prazo que "triplica á rexistrada hai un ano sen contar con as facturas pendentes de pago dos provedores" polo que reprocha que esta xestión municipal "hipotecará a acción de goberno durante anos".
Antón Xil considera preocupante esta situación e critica a "política de festas e gastos efímeros, sin pensar no interese público e sen investimentos en infraestruturas de futuro".