Lores e Louro confían en que haberá acordo entre os comuneiros e Defensa
Por Redacción
Miguel Anxo Fernández Lores mostrouse tranquilo ante o distanciamento entre comuneros e Defensa nas negociacións sobre o prezo do canon que os propietarios do monte queren establecer para o uso das instalacións militares. O alcalde expuxo que "os veciños teñen dereito a recibir unha compensación polo uso dun monte. Son moitos anos de utilización dese espazo e é lóxico que haxa unha compensación económica. Non me atrevo nin me compete falar de cifras pero estou seguro de que chegarán a un acordo positivo para todos".
Fernández Lores indicou que, dentro dun presuposto de ao redor de 40 millóns anuais de investimento que Defensa realiza na Brilat, "creo que non hai escusa nin perigo de que se poida tomar ningunha decisión en base a unha compensación que ten que ser necesaria e razoable". Por iso entende que non hai razóns para que a Brilat marche de aquí e engadiu: "sería por outros motivos, non por un argumento dun canon para compensar a utilización do monte. Estamos falando de cifras mínimas do custo que ten a Brilat aquí". Pero non quixo entrar en detalles sobre as propostas de cada unha das partes na negociación.
O alcalde de Pontevedra sinalou que non se puxo en contacto nas últimas horas cos representantes dos comuneros e recalcou a transcendencia económica da estanza da Brilat en Figueirido: "é imprescindible para a boa saúde, o emprego e a economía de Pontevedra e da súa comarca". E destacou a boa relación institucional que mantén o goberno local co exército.
PRIORIDADE PARA LOURO
O tenente de alcalde, Antón Louro, tamén manifestou a importancia que ten a Brilat para Pontevedra con 2.500 postos de traballo e salarios, ademais de máis de 40 millóns de investimento na bisbarra. Indicou que "a Brilat é unha prioridade para o PSOE e todo o demais ven despois".