Ponte Caldelas volve insistir en que o colexio da Reigosa precisa un comedor escolar
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas e a asociación de nais e pais de alumnos (ANPA) do colexio da Reigosa asinaron un convenio de colaboración polo que a institución municipal axuda ás actividades extraescolares.
O convenio foi rubricado pola representante da ANPA A Fracha do colexio da Reigosa, María Argibay, que expresou a súa satisfacción por esta axuda, que, sumada a outras, permite despregar unha importante actividade en forma de excursións, obradoiros e actividades de lecer para o alumnado.
Durante a xuntanza, houbo plena coincidencia sobre a necesidade de dotar ao centro (o único situado a carón dos polígonos industriais da Reigosa e do Campiño) do servizo de comedor escolar, unha obra reclamada con insistencia durante os últimos anos á Consellería de Educación ao entender que serviría para incrementar dun xeito substantivo a matrícula.
Ademais volveuse falar da insatisfacción polas deficiencias do ximnasio, un local pequeno e completamente inadecuado. Dende o Concello, por terceiro ano consecutivo, volve reiterarse a oferta de colaboración, xa realizada formalmente, á Consellería de Educación para o cofinanciamento destas dúas obras que enténdense como necesarias e urxentes.
A colaboración ascende a 3.150 euros e súmase a outra asinada hai escasos días entre o alcalde, Andrés Díaz, e a Dirección do colexio que supón unha axuda de 1.000 euros para financiar o custo das actividades escolares que se realizan en horario lectivo. En total, o apoio económico a esta comunidade edudativa medrou máis dun 50% dende o comezo do mandato.
Relacionadas:
-
O Concello e o IES de Ponte Caldelas asinan un acordo para organizar actividades culturais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas celebra o "cambio de postura" de Educación co comedor escolar da Reigosa
Por Redacción |
-
Educación estuda poñer comedor escolar na Reigosa e pagalo a medias co Concello
Por Redacción |