As badaladas de fin de ano xa soaron en Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo celebrou xa por adiantado o fin de ano. A praza Pascual Veiga foi, un ano máis, o escenario deste acto festivo no que numerosos veciños do municipio tomaron as uvas ao son das badaladas da Casa Consistorial.
A festa comezou ás once da mañá coa Charanga do Jato amenizando o percorrido entre a praza de Abastos e a carpa de nadal instalado na praza dos Barcos, para concluír posteriormente en Augusto González Besada e Pascual Veiga.
Á hora de tomar as uvas, cada participante escolleu o seu produto co que brindar pola sorte e desexar un feliz ano 2019, entre outros, cacahuetes, uvas, uvas pasas ou gominolas, devorándoos con cada badalada.
Esta actividade, organizada pola Asociación O Cubreiro, incluíu tamén a tradicional queima de calendarios do ano que termina, un acto simbólico que pretende deixar atrás os aspectos máis negativos dun exercicio que conclúe e que o lume purificador contribúa a un ano cargado de ilusións e novas esperanzas para todos os veciños de Sanxenxo.