Louro e Mosquera garanten o pacto de goberno pero discrepan sobre o futuro do PXOM
Por Redacción
O concelleiro de Infraestruturas e o concelleiro de Urbanismo, César Mosquera e Antón Louro, non ven perigar o pacto de goberno despois de que no pleno deste luns 27, o grupo socialista apoiase a moción do PP para reactivar o Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) en contra da postura de César Mosquera que prefire manter gardado o documento nun caixón á espera dunha mellor situación política.
O concelleiro nacionalista sinala que "a sorpresa de onte non foi a votación en si, senón a suficiencia e a satisfacción de Louro e de Moreira. Agora haberá que mirar as consecuencias. Haberá que deixar pasar uns días".
Pola súa banda, Antón Louro espera encontrar un punto de encontro para buscar unha solución á paralización do PXOM: "Houbo un acordo plenario que recolle con claridade a vontade de darlle un impulso ao plan xeral de ordenación municipal que se leva tramitando 10 anos e creo que hai que facer os esforzos necesarios para culminar a aprobación dun documento definitivo".
Neste sentido, espera que o tema se poida tratar nunha próxima comisión de Infraestructuras: "estou convencido de que nas próximas semanas atoparemos espazos para o entendemento e que teñen como obxectivo final a aprobación dun novo PXOM que era algo que na campaña electoral todos compartiamos". Antón Louro cre que o seguinte paso será establecer unha folla de ruta e "tratar de convencer outras administracións implicadas como a Xunta de Galicia".
O concelleiro socialista pregúntase por que o resto de cidades importantes si puido tramitar o PXOM e Pontevedra non. Louro asegura que "se todos temos a mesma vontade que a que temos nós, estou seguro de que non é difícil".
Pola súa banda, Mosquera móstrase escéptico e reta ao PSOE e ao PP a que digan se están dispostos a renunciar a algúns dos principios establecidos no primeiro documento tramitado e que obtivo a negativa da Xunta de Galicia. O concelleiro nacionalista pregúntase se, por exemplo, van variar a súa postura sobre os terreos que ocupa ENCE ou sobre o tamaño dos núcleos urbanos.
En canto ás garantías do pacto de goberno, Mosquera e Louro coinciden. O edil do BNG apunta que "somos maiores e podemos convivir con esas diferenzas e non tería maior gravidade salvo que se queiran dar", mentres que o socialista indica "Non somos nenos. A gobernación está por riba".
Relacionadas:
-
O PP busca apoios para relanzar o PXOM máis alá do PSOE
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira: "Non podo concebir que un concelleiro como Mosquera non queira acatar un acordo do Concello de Pontevedra"
Por Redacción |
-
PP e PSOE alíanse no pleno en contra do BNG para reactivar o PXOM
Por Redacción |
-
Louro acepta o "cheque en branco" do PP sobre o PXOM e Mosquera cualifícao de "xogos florais"
Por Alejandro Espiño |