Ethel Vázquez garante que o novo colector de Marín estará listo a finais de 2019 para reforzar a depuradora de Praceres
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, acompañada pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitaba este martes as obras que se executan ante o edificio do Concello e que se estenderán ao longo de 1,2 quilómetros, ata o límite co municipio de Pontevedra.
Estes traballos consisten na incorporación de novas canalizacións na avenida de Ourense e na instalación dun novo colector e estación de bombeo, que evite as filtracións de auga do mar. O obxectivo, segundo explicaban as dúas representantes políticas, é que estes traballos permitan que funcione de maneira correcta a rede de saneamento impedindo que os residuos que arrastran as augas pluviais cheguen á depuradora de Praceres.
As obras iniciábanse en novembro e contan cun prazo de execución de 12 meses. Ethel Vázquez confirmaba que a finais de 2019 Marín disporá deste colector de maior capacidade de recollida, que substituirá ao actual. Un proxecto que supón unha aportación de 3,1 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira lembrou que nos últimos anos a Xunta realizou un investimento de máis de 40 millóns de euros no saneamento da ría de Pontevedra.
A alcaldesa de Marín afirmou que se trata dunha obra moi complexa, que se inicia a 4 metros de profundidade e que chega a alcanzar os 7 metros, coa intención de aliviar as verteduras que actualmente se realizan na ría a través do porto. Apuntou que de nada serve estender o saneamento ao rural e a todo o centro urbano se non hai canalizacións que ofrezan capacidade para recoller esas verteduras. Recoñeceu que os traballos supoñen unha incomodidade tanto para os condutores que circulan pola avenida de Ourense como para os paseantes pero lembrou que estas obras son necesarias.
Afirmou, ademais, que non se perderán prazas de aparcadoiro no plan de humanización que se abordará cando finalicen estes traballos e que se recorrerá a fondos europeos de mobilidade para realizar melloras en toda a contorna e a inclusión dun carril bici.
DEPURADORA DE PRACERES
Ethel Vázquez insistiu en que esta obra é fundamental para ir dando pasos no saneamento da ría. Co novo colector evitaranse filtracións de auga de mar, que ás veces alcanzan o 50% da capacidade da depuradora de Praceres, ao mesmo tempo que limpitará a entrada de auga procedente das choivas á estación situada na parroquia de Lourizán. Lembrou que estas entradas de augas salgadas e de pluviais danan os equipos.
En relación coa mellora da depuradora de Praceres e a creación do novo emisario, sinalou que se trata dun plan que se leva máis de tres anos elaborando a través da procura de consenso cos concellos e cos profesionais do mar para traballar no sanemento da ría e evitar o peche á actividade marisqueira.
Ata finais de ano, o proxecto atópase en trámite de presentación de alegacións e observacións para mellorar os documentos técnicos. En todo caso, a conselleira espera que no primeiro trimestre licítense as obras de mellora da estación depuradora e da construción do novo emisario na ría cun concurso de proxecto e obra. E afirmou que en 2019 debería comezar as obras porque, lembrou, é necesario cumprir cos obxectivos e "xa fixemos o anuncio previo no diario oficial da Unión Europea", apuntou.
En todo caso, lembrou que aínda queda moito por facer en canto ao saneamento tanto en Marín, onde está pendente o saneamento de Lameira; como en Pontevedra e Poio.
INFRAESTRUTURAS VIARIAS EN MARÍN
A máxima responsable autonómica en Infraestruturas tamén avanzou que a Xunta ten previsto iniciar en breve a mellora das beirarrúas da zona de Mogor e a senda entre Vilaseca e Lapamán, que comezará en xaneiro de 2019. Ademais, a administración autonómica tamén reformará a avenida Concepción Arenal. En total, sinalou Ethel Vázquez, está prevista un investimento de 5 millóns de euros en Marín durante os próximos meses.
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez afirma que o novo colector e a estación de bombeo de Marín son de "enorme valor" para a ría
Por Redacción |
-
O Concello de Marín mételle présa ás obras da Avenida de Ourense
Por Oskar Viéitez |
-
Copcisa dá conta ao Concello do estado das obras do colector na Avenida de Ourense
Por Oskar Viéitez |
-
Performance veciñal en Praceres para criticar a actitude da Xunta ante as alegacións ao novo emisario na ría
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Ana Miranda levará ao Parlamento Europeo o rexeitamento á ampliación da depuradora de Lourizán
Por Redacción |
-
Marín chega a acordos con donos de terreos para crear aparcadoiros durante as obras na avenida de Ourense
Por Redacción |
-
Unha acción de protesta sinala que Lourizán é o "lugar máis degradado de todo o litoral galego"
Por Redacción |
-
Lourizán acusa á Xunta de facer "chantaxe" co posible peche da ría ao marisqueo
Por Redacción |
-
Mellorar a mobilidade e o saneamento, obxectivos das obras abertas na avenida de Ourense
Por Redacción |
-
Augas de Galicia fixa no "horizonte" de 2023 a ampliación da depuradora
Por Alejandro Espiño |