A artista Helen Bertels escenifica o terror da violencia machista
Por Mónica Patxot
A praza da Peregrina de Pontevedra acolleu este luns a segunda acción artística da cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia Zero", que levará un total de 25 accións artísticas por 25 concellos da provincia.
A pé de rúa, a artista Helen Bertels representou a peza "Amor", na que simbolizou o terror e o pánico que xera a violencia contra as mulleres.
A esta performance asistiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como as deputadas provinciais Isaura Abelairas, Chelo Besada e Eva Villaverde e as concelleiras Anxos Riveiro, Pilar Comesaña, Paloma Castro e María Rey .
A través de "Amor", a artista de orixe alemá levou ás rúas de Pontevedra o medo que provoca a violencia machista, ao tempo que tentou buscar as respostas a cuestións como de onde xorde a violencia de xénero ou cal é a esencia das mulleres.
Ao final da peza, interactuando xa coas persoas presentes, Bertels preguntouse, entre outras cuestións, "por que levamos tantos milenios de patriarcado, por que os homes nos teñen medo ou por que nós somos superiores".
Relacionadas:
-
'Mala xente!', unha regueifa feminista para buscar a fin da violencia machista
Por Redacción |
-
Violencia Zero propón á mocidade de Barro deixar a un lado os roles de xénero
Por Redacción |
-
A poeta Iolanda Zúñiga leva a Vilaboa o "Slam poetry"
Por Redacción |
-
A cuarta edición de "Mulleres en acción. #ViolenciaZero" será a máis participativa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O ciclo Violencia Zero pecha etapa cunha intervención na prisión da Lama
Por Redacción |