Os socialistas levan ao Parlamento once "propostas básicas" para Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A deputada socialista Patricia Vilán presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego que demostre o seu compromiso con Pontevedra incluíndo nos orzamentos de 2019 ata once actuacións básicas para a cidade.
Vilán reclama así unha serie de actuacións fundamentais en materia de infraestruturas, transporte, política social, medio ambiente ou sanidade e que ratifique con partidas orzamentarias o seu compromiso con "demandas que a cidade necesita dende hai décadas e polas que ningunha das administracións se ten preocupado".
Neste sentido, reclama a execución da variante de Alba, unha estación intermodal que una ás actuais de autobuses e de tren. Tamén demanda un pavillón para o barrio de A Parda e un plan de transporte metropolitano e urbano para a cidade.
Patricia Vilán continúa trasladando ao Parlamento a solicitude dunha nova residencia da terceira idade "totalmente pública en canto á súa construción e xestión", así como a rexeneración da ría de Pontevedra, incluíndo a construción da EDAR de Os Praceres e a dragaxe do fondo da ría.
En materia de política social, reclama a solución dos problemas do Punto de Encontro Familiar, cambiando a ubicación e incrementando a dotación de persoal, así como a reforma e a contratación de máis traballadores para a residencia de maiores de Campolongo e do centro de menores Avelino Montero.
Reivindica ademais a reforma do Hospital Provincial e a creación de a lo menos dous equipos de valoración da discapacidade, así como a conservación do Pazo de Lourizán.