A alcaldesa de Moraña demanda á Deputación que retome a mellora da estrada provincial Mane-Rebón
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de demandar publicamente á Deputación de Pontevedra que retome canto antes a execución do proxecto de mellora viaria integral da estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón "que foi paralizado polo actual goberno bipartito hai xa corenta meses".
Piñeiro lamentou profundamente que o goberno provincial paralizara esta obra, que se estaba a executar a mediados de 2015, despois de levantar a adxudicación "sen dar ningún motivo e facéndoo contra os criterios técnicos".
Cómpre lembrar que esta obra, orzamentada en máis de 800.000 euros e aprobada e adxudicada polo anterior executivo provincial, contemplaba o ensanchamento, mellora e modificación do trazado nun treito de 912 metros entre O Pazo e O Vexildo para evitar a afección das vivendas e de San Roque co obxectivo de acadar unha plataforma de 9 metros de anchura, con carrís de 3,5 metros e senllas beirarrúas dun metro en cada marxe.
"Non entendo como poden presumir de facer un arranxiño de 70.000 euros só na zona de Barro sen o mínimo rubor polo perxuízo tan grande causado aos veciños de Rebón e Moraña", sinalou a alcaldesa, que apuntou que só o Concello vai investir agora 120.000 euros en Rebón na mellora viaria de Calvo, San Pedro e Rebón de Arriba e na humanización do acceso á igrexa.