A Xunta de Galicia intensifica os coidados no fogar para as persoas maiores con dependencia que viven en Pontevedra
Por Redacción
As persoas maiores en situación de dependencia que viven en Pontevedra dispoñerán no próximo ano 2019 de máis recursos para a súa atención e coidado. O goberno galego acaba de planificar unha batería de investimentos e medidas que poñen de manifesto o seu apoio a un colectivo ao que considera como un dos piares básicos deste país.
Nesta liña, un dos principais obxectivos fixados para o próximo ano é que os galegos e galegas dispoñan dos recursos necesarios e das mesmas oportunidades para decidir libremente como e onde desexan facerse maiores.
Os novos orzamentos da Xunta para 2019 acentúan o compromiso coas persoas e no ámbito social teñen como prioridade outra vez máis a atención aos maiores que residen en Pontevedra e nos seus concellos limítrofes. De feito, seis de cada dez euros que xestionará a Consellería de Política Social diríxense aos galegos e galegas de máis idade e que non son totalmente autónomos. En concreto, este departamento disporá o vindeiro ano dun montante de 751,5 millóns de euros, unha suba de preto dun 5% con respecto ás contas de 2018.
O investimento social da Xunta na cidade do Lérez ascenderá a case 12 millóns de euros
Desa cantidade, o investimento social da Xunta na cidade do Lérez ascenderá a case 12 millóns de euros. Dispoñer de máis marxe orzamentaria traducirase nun aumento dos recursos centrados no coidado e benestar dos maiores, en especial de aqueles que fan posible que reciban atención na súa contorna, co fin de responder a unha preferencia que é maioritaria entre estas persoas.
Con este obxectivo, hai que destacar que en Pontevedra o Goberno galego incrementará nun 25% o investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata situarse en preto do millón de euros. Esta medida permitirá aumentar de maneira notable o número de veciños e veciñas da cidade atendidos por esta prestación.
Esta será a liña de traballo xeral da Consellería de Política Social, que non só reforza o SAF no municipio de Pontevedra se non tamén aposta por esta mesma liña de traballo en todos os concellos. De feito, Galicia consolidarase en 2019 como a Comunidade Autónoma de referencia en coidados profesionais na contorna familiar ao achegar este modelo de atención a 3.000 novos dependentes.
Máis de 22.600 galegos e galegas reciben xa axuda nos seus fogares
A día de hoxe, máis de 22.600 galegos e galegas reciben xa axuda nos seus fogares, e en total son máis de 58.500 os que se benefician dos servizos incluídos no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).
Pero as melloras nos servizos de atención ao dependente non terminan aí, se non que nos orzamentos de 2019 inclúense tamén os fondos necesarios para comezar a incrementar un 10% as axudas para coidados na contorna familiar e un 15% as dirixidas a contratar un asistente persoal.
Tamén aumentará a contía do Bono Autonomía en Residencia para contribuír en maior medida ao pagamento da praza no centro que elixan a todas aquelas persoas que agardan por este servizo. Neste caso, a suba será dun 20% para as dependencias de grao 1 e grao 3, e ata nun 75% para as dependencias de grao 2.
As estimacións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia cifran en máis de 19.000 as persoas que arestora perciben axuda por dependencia e que se beneficiarán destas novas accións que a Xunta comezara a implantar o vindeiro ano.
Ademais, a Consellería traballará na consolidación da oferta de prazas públicas en residencias e centros de día que existe en toda a provincia, para o que destinará 25,6 millóns de euros. Esta cifra permitirá poñer á disposición das familias de Pontevedra un total de 2.500 prazas.
As casas do maior serán realidad no 2019 para dar atención aos maiores dependentes que residen nos concellos ruráis da provincia
Pero estas novas medidas non terminan aí, xa que a Xunta ten en marcha un novidoso programa dirixido a dar atención aos maiores en situación de dependencia que residen nos concellos rurais da provincia e que desexan continuar vivindo preto dos seus fogares. Trátase das Casas do maior, que serán unha realidade a partir dos vindeiros meses. Cada unha delas atenderá un máximo de cinco persoas, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixirá formación ou experiencia profesional específica.
Estes novos equipamentos das casas do maior teñen como obxectivo principal procurar un ambiente e trato familiar no que se dea resposta ás necesidades das persoas usuarias. Así, a atención prestada comprenderá a manutención, hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas e prestarase nun máximo de oito horas de luns a venres durante todo o ano, agás festivos e vacacións.
Relacionadas:
-
O PSOE reclama un "plan de respiro" para aliviar os coidadores de persoas dependentes
Por Redacción |
-
Feijóo revela a Lores que a Xunta negocia a reapertura do antigo asilo como residencia de maiores
Por Redacción |
-
Cerdedo estreará a súa nova residencia de maiores nun prazo de 18 meses
Por Redacción |
-
Moraña aumentará as horas de atención do servizo de axuda no fogar
Por Redacción |