O Concello propón que o Mercado de Abastos abra, de luns a venres, ata as 22.30 horas
Por Redacción
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, presentaba este venres o documento que será trasladado aos vendedores do mercado de abastos e aos grupos da oposición para que acheguen as súas impresións sobre as propostas de base para a licitación pública dos 36 postos vacantes do primeiro andar, que se van organizar en 23 unidades.
No documento indícase que estes novos postos non poden entrar en competencia directa cos situados no andar de abaixo, isto é, non poderán vender peixe, carne, flores ou froita.
A proposta contempla un horario ampliado para a actividade no mercado. A iniciativa expón, de luns a venres, a apertura ás 06.00 horas ata as 14.00 horas durante as mañás. Polas tardes abriríase ás 17.30 ata as 22.30 horas. Entre ambas as quendas, o servizo de limpeza levaría a cabo o seu traballo. Os sábados o horario de peche ampliaríase ata as 23.30 horas.
Os postos contarán cunha concesión dun ano prorrogable a catro. O canon anual será de 357,72 euros, coa posibilidade de pago fraccionado, ao que se suma unha taxa de 88,70 euros ao mes, no caso dos postos máis caros.
Entre os criterios que se establecen para a concesión destacan que se valorarán as formas de economía social e favorecer a relación cos postos situados nos postos da zona de abaixo.
A previsión de Anabel Gulías é que o documento se someta a debate ao longo das tres próximas semanas para despois levalo á Xunta de Goberno. A intención da concelleira é que en xaneiro de 2019 xa estea en marcha a actividade dos novos postos no primeiro andar. "É o momento de aproveitar o dinamismo económico", afirmou Gulías en relación con estes cambios para dinamizar a actividade no mercado de abastos.
Relacionadas:
-
Esperan que no primeiro trimestre do 2019 estea habilitado o espazo gastronómico do mercado
Por Oskar Viéitez |
-
Confían en que o 'novo mercado' sirva para "darlle un pulo" ao centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
O groso da reforma do mercado farase durante as fins de semana
Por Alejandro Espiño |
-
Os postos do primeiro andar do Mercado van ofertarse nun réxime que permitirá testealos durante un ano
Por Redacción |