Meaño rende homenaxe póstuma ao seu alcalde durante 20 anos, Jorge Domínguez
Por Redacción
O ex alcalde de Meaño Jorge Domínguez Rosal recibiu este domingo unha multitudinaria e emotiva homenaxe póstuma de veciños, políticos e familiares na súa terra natal, da que foi alcalde durante máis de 20 anos.
Dende agora a memoria do ex rexedor falecido en novembro de 2012 quedará xa reflectida para sempre nun monumento á súa figura, un busto confeccionado polo escultor Lucas Míguez que foi inaugurado en presenza dos seus familiares, amigos e autoridades. Entre eles estaban a actual alcaldesa, Lourdes Ucha Varela; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; todos os alcaldes da comarca; o conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, e deputados provinciais.
O acto celebrouse na praza do concello de Meaño, onde se procedeu lectura do acordo plenario polo que se nomeou a Domínguez alcalde perpetuo de Meaño. Posteriormente se lle entregou un pergamiño á súa viúva, Milagros Pérez.
Asemade, a poetisa meañesa Herminia Fariña recitou un poema dedicado ó alcalde ante o seu busto. O acto contou coa presenza da Banda de Música de Meaño que interpretou, entre outras pezas, o himno da alegría.
Rafael Louzán, recordou a Domínguez como "unha persoa exemplar e un amigo entrañable. Un incansable traballador e un leal e honesto servidor público tanto dos seus veciños de Meaño como da Deputación de Pontevedra. E foi tamén un firme bastión do Partido Popular".
Destacou tamén o seu carácter exemplar coa súa familia e cos seus amigos e veciños, "unha exemplaridade que se manifestou ao longo da súa vida e, incluso máis, na enteireza coa que afrontou os seus últimos momentos".
A Deputación sinala que Jorge Domíguez era enxeneiro técnico agrícola e Técnico Superior en Riscos Laborais e a súa intensa labor política propiciou que o Concello de Meaño sexa un dos máis saneados de Galicia, conte con dotación de servizos en todas as parroquias e dispoña de Plan Xeral de Ordenación Urbana dende o ano 1995.
Eficaz xestor e alcalde próximo e a disposición dos seus conveciños as 24 horas, Domínguez foi un avanzado ao seu tempo nas tarefas de profesionalización e rigor na xestión da vida municipal e comarcal, a través da Mancomunidade do Salnés.