O alcalde de Bueu presenta ante a Xunta de Galicia unha reclamación pola mala xestión das avespas velutinas
Por Redacción
Félix Juncal, alcalde de Bueu, entregaba este luns no edificio da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra un escrito no que se queixa da mala xestión da avespa velutina por parte da administración autonómica. Tamén se presentaron varias instancias de veciños comentando os problemas que ocasiona a presenza deste insecto.
O rexedor reclama á Consellería do Medio Rural que asuma as competencias e retire os niños de avespa velutina, ademais de comprometerse con este problema que está a afectar en moitas zonas da comunidade autónoma.
En 2014 era a Xunta de Galicia a que realizaba a retirada destes niños en Bueu, unha situación que cambiou cando se asinou un convenio de Concello Colaborador entre o goberno local e a administración autonómica. A partir de entón a retirada realizábase en colaboración cos membros de AGA-Morrazo, pero os voluntarios, neste 2018, decidiron rexeitar estes traballos de forma voluntaria coa colaboración económica e medios do Concello. Por este motivo, volve ser a Xunta quen asume esa eliminación de niños de velutina.
Desde o goberno local instaláronse 125 trampas e convocáronse charlas en aldeas e parroquias para alertar á cidadanía sobre a prevención e loita contra estas avespas perigosas para o medio ambiente. Félix Juncal indica que debe ser a Xunta de Galicia quen asuma as competencias sobre este tema.
Relacionadas:
-
Aconsellan tomar precaucións para evitar picaduras de avespa velutina durante a vendima
Por Redacción |
-
Loita sen tregua contra a velutina: retiran 118 niños no rural e 22 no centro en tres meses
Por Redacción |
-
Bueu considera "nefasta" a xestión da Xunta na retirada de niños de velutina
Por Redacción |