O pontevedrés Javier Cervera-Mercadillo, premio Galicia en Foco como mellor foto do ano
Por Alejandro Espiño
Unha fotografía tomada nos incendios que arrasaron As Neves o pasado mes de outubro foi recoñecida como a mellor foto do ano no certame Galicia en Foco, convocado polo Club de Prensa de Ferrol. O seu autor é o fotoxornalista pontevedrés Javier Cervera-Mercadillo.
A imaxe, publicada en Diario de Pontevedra, leva por título "Bágoas das que non apagan lumes" e foi tomada o 15 de outubro de 2017.
O xurado do certame, formado por Anna Turbao, Pepe Tejero, Julia Díaz e Miguel García, cualificou esta fotografía como unha "Madonna da desolación", ao reflectir a tristeza dunha anciá ante as perdas ocasionadas polo lume na súa casa.
O galardón está dotado, por vez primeira, dun premio de 1.000 euros.
Galicia en Foco 2018 tamén concedeu unha mención especial á serie de fotografías titulada "Rapa das bestas", que o fotógrafo Javier Arcenillas publicou nun dos suplementos editados polo xornal O Mundo en xullo de 2017.
Este certame, que naceu en Ferrol en 1989, busca servir de recompilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas a través dos medios de comunicación.