Pedaladas apoia a idea de reducir a velocidade nas vías convencionais
Por Oskar Viéitez
A asociación Pedaladas emitiu un comunicado de apoio ao director xeral de tráfico, Pere Navarro quen avanzou que está na axenda do Executivo baixar o límite de velocidade máxima de 100 quilómetros por hora nas estradas secundarias co obxectivo de homologar a España con outros países europeos como Francia que recentemente reduciu a 80.
A medida leva posposta dende o ano 2008 xunto coa reforma completa do Regulamento de Circulación, a ley de Seguridade Viaria, o Regulamento de Vehículo e de Condutores pero, segundo Pedaladas, esta reforma legal foi "aprazada unha e outra vez por presións de entidades próximas ao lobby do automóbil".
Segundo Pedaladas a redución dos límites de velocidade na contorna de Pontevedra afectaría directamente á PO-308 que pasaría a ser 50 qm/h en case todo o seu percorrido entre Pontevedra e Sanxenxo, á N-550 que sería 70 entre o cruce de Vilaboa e Bertola e 50 qm/h entre Bertola e Pontevedra, a PO-551 que sería 50 qm/h no acceso a todas as praias e 70 qm/h nos lugares onde estivera prohibido estacionar.
"A redución de velocidade xa a poden acometer as administracións titulares da infraestrutura, Xunta de Galicia e Fomento, pero é fundamental que se reforme a lexislación para non precisar de falecidos para que as administración tomen conciencia da deficiente seguridade viaria dunha vía e fagan accións decididas en prol da seguridade", sinala este colectivo ciclista.
Tamén engaden que é preciso sacar adiante a reforma dos regulamentos e ordenanzas municipais que aseguren o dereito das persoas a escoller o seu medio de transporte, sexa indo a pé, usando un patinete eléctrico ou cunha bicicleta.
Relacionadas:
-
Pedaladas insiste en reclamar un só carril motorizado e outro dobre para bicicletas na Ponte da Barca
Por Redacción |
-
Un grupo de ciclistas escenifica unha masacre para reclamar máis seguridade
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas pide reducir a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora nas rúas de Marín
Por Oskar Viéitez |