As mariscadoras da ría publican unha guía de consellos para evitar lesións na práctica extractiva
Por Redacción
As mariscadoras da ría de Pontevedra, a través da agrupación San Telmo e da asociación cultural Mulleres Mar de Poio, presentaban este martes na Reiboa a guía para mellorar a saúde e o benestar das traballadoras deste sector economicamente tan importante para os concellos da contorna.
Profesionais da saúde e do propio sector extractivo desenvolveron un traballo de análise durante os últimos meses para elaborar esta guía, segundo explicaba Laura Nieto, coordinadora do proxecto e xerente do GALP Ría de Pontevedra. A través do programa Aliadas de Candieira no que se inclúe esta proposta quérese mellorar a calidade de vida das mariscadoras coa idea de reforzar o goberno das mulleres das comunidades costeiras.
Para elaborar esta guía levou a cabo unha indentificación das dores máis frecuentes entre estas profesionais do mar que realizan unha importante carga física a través da que sofren lesións articulares, na columna vertebral e doenzas reumáticas, entre outras. Marina Buceta, representante da asociación Mar de Poio e vicepatroa da confraría San Telmo de Pontevedra indicou que con esta iniciativa descubriron numerosos coidados que poden utilizar a diario para previr lesións e mellorar a saúde.
Desta forma, o manual recolle consellos relacionados coa alimentación, coa roupa para o traballo, coa actividade emocional, a recuperación muscular ou a protección da pel ante as inclemencias do tempo.
A través dun cartel recóllense tamén recomendacións esenciais e unha táboa de exercicios para levar a cabo estiramentos dos músculos que eviten lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e zonas lumbares.
A fisioterapeuta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Eva Rosales; a matrona e profesora de Enfermería Dolores Rodríguez e a enfermeira, antropóloga e subdirectora da Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra, Paz Diéguez, asesoraron ás integrantes do colectivo para crear esta guía.
Á presentación do cartel durante este martes acudiu a subdirectora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez e o alcalde de Poio, Luciano Sobral. As mariscadoras, a través de Ángela García, presidenta das mariscadoras San Telmo, solicitaron o apoio das institucións para que o proxecto manteña a súa continuidade no futuro e que o panel de consellos chegue a todas as confrarías e puntos de control de Galicia.
A presentación da 'Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras' finalizaba cunha actividade práctica de exercicios de recuperación muscular, e estiramentos que son idóneos para realizar durante a faena e ao terminar a xornada de traballo.
Candieira é un proxecto de cooperación en rede dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) con máis dun ano de desenvolvemento de programas de formación, apoio e acompañamento ás mulleres do mar. En outubro está previsto un gran encontro en Santiago de Compostela para que todas as protagonistas poñan en común as súas experiencias nestas iniciativas.
Relacionadas:
-
Empresarios e axentes turísticos participan na Ruta dos Faros do GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Encontro das mulleres do mar de Candieira para amosar os resultados deste proxecto
Por Redacción |
-
Comeza a andaina de tres proxectos financiados polo GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cerco ao "furtivismo de bañador" en praias de Poio e A Illa de Arousa
Por Redacción |