Agustín Hernández visita o encoro do Con, onde a Xunta investiu 1,5 millóns de euros
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu máis de 1,5 millóns de euros na execución das obras de mellora e automatización da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa. Así o sinalou este xoves o conselleiro Agustín Hernández, que visitou estas actuacións rematadas recentemente, acompañado entre outros polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole.
O proxecto centrouse na mellora da presa en xeral, reforzo dos cimentos e modernización do seu sistema. Tamén se instalou un sistema telemático para a mellora do control das entradas e saídas da presa, mecanismo que permite decisións en tempo real e potencia o control de avenidas, xa que o Programa Artemis ofrece unha previsión fiable combinando os datos de Meteogalicia e o da rede de aforos.
Entre as melloras executadas destaca a construción dunha nova caseta de control e demolición da existente, cerramento e urbanización do contorno, nova instalación eléctrica e instalación de grupo electróxeno. Tamén se colocaron comportas no vertedoiro e actuacións en coroación, realización de melloras na caseta de válvulas de desaugue de fondo e na toma y melloras na auscultación, automatización e telecontrol dende Augas de Galicia.
ACONDICIONAMENTO DO RIO DO CON
O conselleiro Agustín Hernández aproveitou a súa visita a Vilagarcía para manter unha reunión co alcalde, Tomás Fole, co obxectivo de abordar diferentes cuestións de interese municipal, entre elas as obras de acondicionamento dun afluente do río Con, na rúa Rodrigo de Mendoza, que serán licitadas a comezos deste verán.
Por outra parte, Hernández comunicoulle ao alcalde de Vilagarcía que o seu departamento está ultimando o proxecto da segunda fase de acondicionamento do río Con, que na actualidade se atopa en redacción, co obxectivo de solucionar os problemas ocasionados polas inundacións.
PLAN DE SANEAMENTO LOCAL
Hernández destacou tamén que a redacción do Plan de Saneamento Local da marxe esquerda da Ría de Arousa para o Concello de Vilagarcía está finalizada, supoñendo isto un diagnóstico dos problemas da rede e as actuacións necesarias para solucionalos, cun investimento de 11 millóns de euros.
No marco dos traballos desenvolvidos no Plan, a Xunta detectou a necesidade dunha actuación na rúa Riveiro de Aguiar para mellorar a circulación das augas residuais pola rede de saneamento, que provoca vertidos á Praia da Concha. Agustín Hernández precisou que estes traballos executanse en breve.