O PSOE de Cerdedo-Cotobade denuncia unha vertedura no Lérez procedente da depuradora de Viascón
Por Redacción
O grupo municipal socialista, a través da súa portavoz Lina Garrido, denuncia a presenza dunha vertedura na parroquia de Viascón, no Concello de Cerdedo-Cotobade, en augas do río Lérez.
Os veciños levan varios días detectando a presenza desta vertedura de cor marrón e amarela que deixa mal cheiro ao seu paso por esta zona da parroquia, na ponte de Rexedoiro, antes do cruce de Parada de Tenorio.
Os socialistas sinalan que a vertedura procede da depuradora situada en Viascón e este luns alertaron o Seprona. Tamén os veciños avisaron ao Concello de Cerdedo-Cotobade e se manteñen á espera de que un técnico se achegue pola zona para analizar as causas.
Lina Garrido pide ao goberno local que lidera Jorge Cubela que se adopten solucións de inmediato xa que, segundo indican, as depuradoras situadas no municipio non cumpren coa normativa europea.
Indican que debido ao aumento de poboación nesta parroquia, a rede de saneamento precisa dun estudo detallado que permita corrixir estas situacións causantes de danos no ecosistema fluvial no río Lérez.