O PP pide un operativo especial de tráfico para a Festa do Mar
Por Redacción
O portavoz do PP de Poio na parroquia de Combarro, Tucho Muíños, solicitou ao goberno local que dirixe Luciano Sobral que estableza un plan de tráfico para a celebración da Festa do Mar, que se inicia este mércores en Combarro.
A previsión da asistencia de miles de persoas provocou esta petición para que se regule a circulación rodada e o uso de aparcadoiros en todo Combarro. Neste sentido Muíños reclama a presenza de axentes da Policía Local nas horas punta nos puntos máis conflitivos como a semirrotonda ante o Supermercado Froiz, a baixada á zona da Chousa por Francisco Regalado e o cruzamento das Canteiras.
Entre outros aspectos, o representante popular tamén pide ao goberno de Poio que habilite espazos de aparcadoiro disuasorio e prazas para os visitantes ao certame gastronómico e ás actividades anexas. Tucho Muíños indica que sería necesario habilitar algún plan de transporte para que as persoas que aparquen na Seca póidanse desprazar ata Combarro sen a necesidade de facer un percorrido a pé durante 30 minutos. Sinala, neste sentido, que hai parcelas que o Concello podería alugar ou chegar a un acordo cos propietarios para facilitar estacionamentos máis próximos ao centro urbano.
Ademais, entende que a Festa do Mar converteuse nun problema para os veciños do centro histórico, que se atopan con numerosas dificultades para circular e aparcar durante estes días, do mesmo xeito que lle sucede aos comerciantes debido a que moitos visitantes deciden abandonar a zona turística ante as trabas que xurden para estacionar.