O Concello reformará en 2019 o treito central de Fernando Olmedo
Por Redacción
A reforma integral da rúa Fernando Olmedo, no seu treito central, acometerase o próximo ano 2019. Así o adiantou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa visita aos traballos que se realizaron no cruzamento con Casimiro Gómez e a rúa da Seca.
É a zona na que quedaría por actuar, segundo Fernández Lores, dentro dun proxecto "global" que incluiría a reforma de Cruz Vermella e Padre Gaite, a da Seca e o novo parque do Camiño Vello de Castela, e que se completará no mes de agosto co derrubo e nova construción do centro da terceira idade de Casimiro Gómez, nas antigas instalacións da Garda Civil.
O alcalde amosouse satisfeito "como está quedando todo" e especialmente contento porque os veciños "tamén me din que están contentos".
O proxecto de acondicionamento do último tramo de Fernando Olmedo e a rúa da Seca comezou meses atrás co acondicionamento da zona verde do Camiño Vello de Castela, que formaba parte dos antigos terreos de Tafisa, e que se transformou nun espazo de estancia para os veciños do barrio.
A segunda fase das obras era remodelar e reordenar o tráfico no cruzamento das rúas Casimiro Gómez con Fernando Olmedo, A Seca e Camiño Vello de Castela, nos que se están a realizar os últimos retoques coa creación de sumidoiros para a recollida de pluviais.
A transformación na zona foi "radical", explicou Lores, pasando de ser un espazo de estacionamento "indiscriminado" a ampliar as beirarrúas e crear unha nova praza arborada.
Confinouse o tráfico a un único carril de circulación e se instalaron medidas de calmado de tráfico, ademais de crear novas prazas de estacionamento de servizos.
A última fase destas obras é a reforma da rúa da Seca que a empresa E.C.Casas executa nestes momentos, e que consistirá na ampliación das beirarrúas, reducindo os dous carrís de circulación a un e creando unha liña de estacionamento de servizos na marxe dereita, a petición dos comercios da rúa.
Relacionadas:
-
A reforma urbana chegará á rúa Fernando Olmedo
Por Oskar Viéitez |
-
Cortan o tráfico en Padre Gaite e A Seca a partir do luns
Por Redacción |
-
A demolición do vello cuartel da Garda Civil comezará en agosto
Por Alejandro Espiño |
-
O remate das obras de Fernando Olmedo atrásase un mes
Por Alejandro Espiño |
-
O Camiño Vello de Castela cambia de sentido de circulación
Por Redacción |