Modifican o semáforo das Salinas para evitar atascos nas saídas da Lanzada
Por Redacción
O semáforo instalado recentemente nas Salinas, nun dos accesos á praia da Lanzada, xa non se poñerá en vermello para os vehículos cada vez que un peón pulse o botón para pasar. Esta circunstancia contribuíu ao colapso da vía rápida a pasada fin de semana.
Este elemento de seguridade viaria foi instalado o pasado mes de novembro para resolver unha demanda histórica dos veciños, para pasar con seguridade da zona da Lanzada aos núcleos da Revolta, Fonte de Ons e Tombelo.
Para garantir a seguridade dos peóns, tamén se prolongou o illote existente para que os vehículos reduzan a velocidade neste tramo e estreitáronse os carrís de circulación.
Pero despois de analizar o funcionamento do semáforo a primeira fin de semana da tempada alta, o goberno municipal entende que hai que regulalo de novo para mellorar o tráfico dos máis de 10.000 vehículos que pasan a diario pola zona.
Ata o momento, cada vez que un peón pulsaba o botón do semáforo, este poñíase en vermello para os vehículos e en verde para os transeúntes, que tiñan un tempo de 15 segundos para cruzar.
A partir de agora, o semáforo -que de forma habitual está en ámbar intermitente- poñerase e permanecerá en verde para os peóns durante 12 segundos e, aínda que se volva a pulsar, non volverá permitir o paso de peóns ata pasados dous minutos, o máximo legal permitido.
Ademais, pasados eses dous minutos, cando alguén pulse o botón haberá un tempo de espera de cinco segundos ata que se produza o cambio de cor.
A empresa encargada da modificación espera ter listo este cambio nos próximos días.