A menor de Vilaboa da que supostamente abusaron tres adultos tiña "mentalidad manipulable"
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra retomou este xoves o xuízo contra Aníbal M.F., Enrique C.C. e José Diego G.R., tres homes de 28 e 33 anos acusados dun delito continuado de abuso sexual a unha menor cunha discapacidade en Vilaboa.
Tras unha primeira sesión na que os tres se declararon inocentes, declararon os forenses que acreditaron tanto que a nena, de 11 anos, fora agredida coma que tiña un "retraso mental moderado" e unha "mentalidad manipulable" que era "perceptible" nunha primeira conversación con ela e que fai que, se é o caso, o consentimento que puidese dar para manter relacións sexuais "no era válido".
Os tres acusados, para os que a Fiscalía solicita 9 anos de cárcere, están imputados por supostamente abusar da súa veciña entre os anos 2003 e 2007, dende que ela tiña 11 anos, en moitos deses casos nunha cabana propiedade do tío dun dos procesados.
O xinecólogo que a explorou confirmou que a rapaza fora agredida sexualmente con penetración mentres que os forenses que lle fixeron exames psicolóxicos e se entrevistaron con ela tras a denuncia indicaron que a rapaza só mantén conversacións superficiais e de temas moi simples e que a súa discapacidade era perceptible para unha persoa que tivese unha relación de veciñanza con ela.
Estes especialistas tamén indicaron que a suposta vítima lles relatou que os acusados a ameazaran con pegalo e que as agresións sexuais empezaron anos antes de que se presentase a denuncia. Os forenses dan veracidade ao seu relato e consideran que é "algo que ha vivido" e non o inventou, pois "es de tal complicidad y tan prolongado en el tiempo que no sería capaz de crearlo" ou inventalo. Sobre a posibilidade de que se tratase de relacións sexuais consentidas, indican que "ella igual no era consciente de estar dando consentimiento"
Durante a vista saíu á luz que a suposta vítima non denunciou as violacións ata que no ano 2007 unha veciña de Vilaboa que por aquel entón estaba casada cun dos acusados a denunciou por ameazala a través do teléfono móbil. Segundo relatou a propia muller, chegou a chamala entre 10 e 15 veces ao día facéndose pasar por amiga do seu marido e noiva doutro dos acusados e nun momento dado as chamadas subiron de ton e ameazouna.
Esta denuncia ante a Garda Civil foi retirada finalmente cando os familiares da presunta vítima acudiron á casa da denunciante e dixéronlle a idade e a minusvalidez que tiña. Nese momento, a rapaza relatou ao primo e a tía da menor que a vira en actitudes cariñosas cun dos procesados.
Segundo relataron as testemuñas do xuízo, a menor achegouse a un dos procesados porque era amigo do seu pai falecido e os supostos abusos producíronse na cabana dun tío do outro procesado, da que chegaron a ter as chaves dous dos imputados.
A pesar de que varias testemuñas relataron ter tido constancia dos abusos por sospeitas e polo relato da menor, non hai testemuñas do sucedido. Nin sequera a nai da rapaza sospeitaba nada, se ben esta se escusou deste descoñecemento alegando que "trabajaba día y noche" e a súa filla estaba sempre a cargo da súa avoa.