As patrullas mixtas da Garda Civil e a GNR portuguesa volven este verán a Sanxenxo
Por Redacción
O Plan de Turismo Seguro posto en marcha polo Ministerio do Interior para garantir un turismo de máis calidade nunha contorna con maior seguridade incluirá este verán, por terceiro ano consecutivo, patrullas mixtas entre a Garda Civil española e a Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa en dúas das localidades con maior afluencia turística da provincial: Baiona e Sanxenxo.
As patrullas mixtas realizarán servizos de forma coordinada e, para empezar a traballar nese colaboración, este luns mantiveron unha reunión de traballo na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
No encontro estiveron os comandantes Óscar Grañas e Álvaro Fernández por parte da Garda Civil e dous compoñentes da GNR de Portugal que patrullarán este verán nos municipios costeiros de Baiona e Sanxenxo.
As patrullas mixtas intégranse no dispositivo que establece o Plan de Turismo Seguro, no marco da Operación Verán, para reforzar as medidas de seguridade nas zonas de maior afluencia turística.
Segundo lembra a Garda Civil, estas patrullas teñen por finalidade facilitar unha atención policial de maior calidade á poboación de nacionalidade portuguesa que se atope de turismo en España, efectuándoa cunha maior rapidez e eficiencia ante calquera tipo de información que demande ou necesidade que puidese xurdir mentres permaneza no noso país.