Poio solicita unha reunión urxente con Educación ante o atraso das obras de mellora do colexio Viñas
Por Redacción
O Concello de Poio vai solicitar de maneira urxente unha reunión coa xefatura territorial da Consellería de Educación en Pontevedra para trasladar de novo a súa demanda de que se acometa unha mellora integral do colexio Viñas do municipio
Segundo deu a coñecer o Concello, a reunión chega despois de reiterados escritos emitidos por parte da dirección do centro e ante as necesidades que presenta. A intención é preguntar a Educación por que non se executaron as prometidas obras, que suporían unha mellora integral do edificio e unha mellor calidade de vida para o alumnado.
O Concello insiste no mal estado no que se atopa este colexio público e lembra que xa no ano 2016 existía un compromiso co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Comprometérase a incluílo no plan de mellora enerxética, tal e como aconteceu co CEIP Chancelas, con semellante investimento e obras e tamén a que as mesmas se executarían no ano 2017.
Ante o inminente remate do curso escolar 2017-2018, o Concello xa está a coordinar os traballos para levar a cabo as actuacións de mellora, mantemento, arranxos e pintado necesarias para os centros educativos do municipio.