As obras de reforma de Lepanto comezarán antes de que remate o ano
Por Alejandro Espiño
Antes de que termine o ano. É o horizonte que baralla o Concello de Pontevedra como data de inicio das obras de reforma integral da rúa Lepanto, cuxo proxecto definitivo presentou este xoves e que, a falta de "mínimos detalles", xa está terminado.
Demetrio Gómez, responsable de Obras, sinalou que a actuación elevarase finalmente ata os 264.000 euros e terá un prazo de execución de seis meses.
Segundo recolle o proxecto, Lepanto pasará a ser unha rúa con plataforma única e sen as prazas de aparcadoiro existentes. O seu estreito tamaño impedía, destacou o goberno municipal, aplicar os estándares urbanos con beirarrúas máis anchas e manter a súa actual configuración.
O pavimento que se instalará será lastro confinado en bandas de formigón, un aspecto similar ao que ten a Praza de España ou o tramo peonalizado en Benito Corbal.
A actuación prevista inclúe, no tramo máis próximo a Benito Corbal, a creación dunha pequena praza que aproveitará o espazo existente á beira da antiga delegación da Xunta de Galicia.
Neste novo espazo, o Concello optaba por crear espazos de aparcadoiro para servizos, pero os veciños, consultados en asemblea, optaron por aproveitar toda a zona para estancia peonil polo que se colocarán tres bancos de cor granate e plantaranse varias árbores, deixando un paso máis angosto para vehículos. Haberá, ademais, un aparcadoiro para bicicletas.
Ademais, aproveitando esta reforma tamén se renovarán todos os servizos de saneamento, augas pluviais e fecais e abastecemento. Reforzarase a iluminación en toda a rúa, que xa conta con tecnoloxía LED, e engadiranse novos puntos de luz na praza de nova creación.
Con respecto ao tránsito de vehículos pola rúa, Demetrio Gómez explicou que "aínda que non está pechado" todo apunta a que terá o paso restrinxido a residentes e servizos, igual que ten, neste mesmo barrio, Cruz Gallástegui.