Detidos o comprador e o vendedor dunha compra venda de cocaína na avenida de Lugo
Por Redacción
As policías Local e Nacional de Pontevedra detiveron dúas persoas o pasado sábado 19 de maio tras presenciar os axentes municipais unha operación de intercambio de diñeiro por droga na avenida de Lugo de Pontevedra. Os arrestados foron os presuntos vendedor e comprador.
Segundo informou a Policía Local, todo sucedeu sobre as 21.00 horas do sábado preto da gasolineira da avenida de Lugo. Unha patrulla da Policía Local que estaba a facer labores de vixilancia dos espazos públicos e, en especial, do consumo e venda de drogas, observaron unha persoa no interior dun vehículo manipulando constantemente o seu teléfono móbil.
Esta persoa é coñecida polos axentes por estar relacionada co consumo e venda de drogas noutras intervencións. Ante a sospeita que puidera tratarse dalgunha cita, dado o lugar e a hora, os axentes deciden montar un operativo de vixilancia.
Aos poucos minutos observaron a chegada doutra persoa que, con disimulo e tras unha conversa entre eles, lle entregou un envoltorio de cor branco. O detido tratou de escondelo entre a roupa interior.
Unha vez que os dous se ausentaron do lugar, os axentes da Policía Local de Pontevedra proceden ao seguimento desta persoa, co fin de identificalo e comprobar o contido do citado envoltorio. Inicialmente, negou levar nada de interese policial, pero, nun cacheo superficial, os axentes atoparon o envoltorio e no seu interior un total de 25,5 gramos de cocaína en roca, sustancia de alta pureza.
Ante os feitos, os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon á detención desta persoa, un home de 35 anos, por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Verificada a venda, e non sendo posible a inmediata localización do vendedor, unha persoa sobradamente coñecida polos axentes, trasladouse ao detido á Comisaría. Con posterioridade, axentes da Policía Nacional detiveron o vendedor.