Tras uns días de adianto estival, toca semana de inestabilidade
Por Redacción
Despois duns días case estivais, co inicio da semana a inestabilidade volve instalarse nas Rías Baixas, e segundo as previsións de Meteogalicia non a abandonará durante os próximos días.
Os primeiros efectos diso son por unha banda a caída das temperaturas máximas ata os 20 graos previstos para este luns e por outro a aparición de nebulosidade.
Esta nebulosidade non deixará en principio precipitacións durante os primeiros días da semana, aínda que conforme pasen os días, a partir do xoves, a probabilidade de que se produzan chuvascos de carácter tormentoso será alta debido ao "aire cálido en superficie e aire frío nas capas altas da atmosfera".
Esta situación prologarase canto menos ata a fin de semana, segundo reflicte a predición a medio prazo do servizo meteorolóxico.
Pola súa banda as temperaturas subirán para manterse en valores por encima dos normais nesta época do ano.