Varios colectivos unen as súas voces para "facerse oír" ante o goberno municipal
Varios colectivos que, por un ou outro motivo, manteñen aberto algún conflito ou reclaman melloras para algún dos barrios da cidade aproveitaron a cea organizada polo BNG no Recinto Feiral de Pontevedra para facer oír as súas reivindicacións.
Os máis numerosos, sen dúbida, máis dunha trintena de axentes da Policía Local que se concentraron ante as portas das instalacións para reclamar ao goberno de Fernández Lores que sente a negociar unha serie de melloras laborais para os funcionarios municipais.
Ataviados con chifres, bucinas ou tambores e facendo soar, de cando en vez, algún petardo, os axentes vestían camisetas azuis nas que se podía ler o mesmo lema da pancarta que presidía a súa concentración: "Loitamos polo que é xusto".
Os policías locais repetirán protesta o vindeiro luns 7 de maio, a partir das once da mañá, pero esta vez diante do edificio administrativo do Concello na rúa Michelena.
Importante foi tamén a presenza dos veciños da rúa Médico Ballina, que levan anos reclamando a construción dun parque infantil na zona, un dos barrios de maior crecemento da cidade e na que viven moitas familias con nenos pequenos.
Acompañados dos seus fillos, tamén se apostaron ás portas do Recinto Feiral para mostrar o seu descontento polas promesas incumpridas polo goberno municipal. Todos eles lembraron que, para os nenos, "xogar non é un luxo senón unha necesidade".
Ademais, entre os manifestantes -aínda que en moito menor número- tamén se atopaban opositores ao sistema de compostaxe despregada en Pontevedra ou veciños que reclamaban diversas melloras para Monte Porreiro e Campañó ou contrarios á construción dun muro nos arredores do centro social de Cerponzóns.