O PP de Poio recolle firmas para a ampliación do parque infantil da Chousa, en Combarro
Por Redacción
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro Cándido Muíños, Tucho, deron a coñecer este xoves unha campaña de recollida de firmas, colocación de cartelería e outras accións para instar ao Concello a ampliar e acondicionar o parque de Chousa, situado xunto ao peirao do mesmo nome, en Combarro.
Segundo explicou Moldes, a campaña comezará este mesmo venres e ten como obxectivo trasladar unha demanda real dos veciños e visitantes de Combarro, pois trátase dunha parroquia con máis de 130 nenos menores de 10 anos que recibe a visita de centos de nenos do resto de Poio e está no centro neurálxico dun dos principais destinos turísticos de Galicia, de modo que "merece un parque digno".
O voceiro do PP opina que o parque, cunha superficie de menos de 70 metros cadrados, non reúne o espazo nin as condicións para satisfacer as necesidades da parroquia, especialmente nas fins de semana e nos meses de maior afluencia turística de Combarro, cando centos de nenos compiten por un tobogán e dous columpios.
A situación, segundo o PP, provoca malestar nos usuarios e xa xerou algún conflicto entre pais polas filas que se forman e o reducido do espazo. Ademais, engade que o parque e obxecto de constantes avarías e sofre permanentemente desperfectos nalgúns dos seus elementos.
Moldes faise eco de queixas como cravos ao aire, risco de caídas e outros perigos, unha situación coa que na práctica queda inutilizado, e mesmo nos últimos tempos os veciños denunciaron a presenza de parásitos.
Tucho Muíños, o único edil residente en Combarro de toda a corporación, lamentou o abandono no que o Bipartito ten á parroquia en infraestructuras e investimentos, e tildou de incomprensible o voto negativo do bipartito na moción para ampliar o Parque da Chousa, insistindo en que os nenos de Combarro e todos os que o visitan precisan máis de 130 metros cadrados para esparcirse.