Carmela Silva: "o compromiso do Partido Popular contra a violencia de xénero é cero"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que "o compromiso do Partido Popular contra a violencia de xénero é cero".
Nunha comparecencia en rolda de prensa en Pontevedra a presidenta valorou con satisfacción o incremento de denuncias por malos tratos que sinala o informe anual sobre a situación da violencia de xénero en Galicia correspondente ao ano 2017 que reflicte que esta comunidade autónoma rexistrou durante 2017 un total de 6.436 denuncias por violencia de xénero, 751 máis que no exercicio anterior.
"Cando as mulleres denuncian e se toman medidas pódense evitar cuestións tan graves como os asasinatos", indicou a presidenta provincial.
Dito isto, Carmela Silva lamentou que na súa comparecencia ante a Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, limitásese a "saír a dar datos" e non presentase ningunha iniciativa nin anunciase "que recursos van dedicar para loitar contra esta situación" como medidas de protección ou iniciativas nos ámbitos educativo e xudicial, citou como exemplo.
Carmela Silva lembrou que Susana López Abella "é responsable, ten competencias". Para a presidenta da Deputación "o compromiso do Partido Popular contra a violencia de xénero é cero, comezando co Goberno do Estado de Partido Popular, do mesmo partido que a secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia", afirmou.
A presidenta da Deputación lembrou que hai un Pacto de Estado contra a violencia de xénero que arrincou co compromiso dunha dotación de 200 millóns de euros "e reducírono a 80".
Carmela Silva e lembrou que "a Xunta de Galicia tamén ten competencias" polo que fixo "un chamamento" emprazándolles a que respondan "e que van facer vostedes?". "É esta unha prioridade na política do señor Feijóo?" engadiu a mandataria socialista tras sinalar a "falta de recursos" da que, ao seu xuízo, adoece a acción do goberno galego neste ámbito.
Sobre a situación da violencia de xénero en Galicia que recolle este informe, a presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou estar "moi preocupada" ante o incremento da violencia contra as mulleres "tamén entre as persoas máis novas" e mesmo "usando novos instrumentos de violencia como son as novas tecnoloxías ou o uso das redes sociais".