Os IES Luís Seoane e Sánchez Cantón, representantes de Pontevedra no Club de Debate
Por Redacción
Os IES Luís Seoane e Sánchez Cantón son os participantes da vindeira edición do Club de Debate que arranca este sábado no Auditorio Municipal de Rianxo, onde se celebrará a semifinal de zona de Pontevedra. Pola zona de Pontevedra debaterán cinco equipos: dous do IES Sánchez Cantón, un do IES Luís Seoane e dous do colexio San Narciso; dous do IES Félix Muriel de Rianxo e un equipo do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
"A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas" é o tema que debaterán ao longo da xornada que comezará ás 9.15 horas, coa entrega de acreditacións, e rematará ás 19.15 horas coa entrega de premios.
Os rapaces dos diferentes centros de ensino participarán en oito debates. Cada equipo terá dous debates para defender a postura a favor e a postura en contra. As parellas de equipos para cada debate e a orde dos debates quedaron, por sorteo, de acordo co cadro que se achega ao final.
O Club de Debate é un proxecto para a dinamización lingüística entre a mocidade organizado por once concellos: Ames, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, coa colaboración dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino secundario. Ten como finalidade contribuír ao uso oral do galego entre a mocidade e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións.
Cada equipo está formado por un mínimo de catro membros e un máximo de dez, de alumnado dos cursos 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato ou equivalente, que non teñan feitos os 18 anos no momento da inscrición, e por unha persoa preparadora.
O xurado que cualificará os debates estará formado por Mercedes Torres Hermida, profesora de cursos CELGA; Luís Pérez Barral, filólogo e membro da Mesa pola Normalización lingüística; Soco García Conde, técnica de Normalización Lingüística; Marta Gómez Regenjo, xornalista; e Luís Gómez Aldegunde, profesor de secundaria e antigo preparador de equipos.
A fase final do Club de Debate celebrarase o 5 de maio en Ferrol, baixo o tema "As TIC favorecen o uso do galego". Pasarán á final en total seis equipos: os dous mellor clasificados dunha das tres fases eliminatorias.