Dan o alto a un vehículo por unha infracción de tráfico e deteñen un ocupante con 51 gramos de haxix
Por Redacción
A Garda Civil detivo este xoves un veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras ser interceptado con 50 gramos de haxix. O curioso foron as circunstancias nas que os axentes descubriron a droga: deran o alto ao condutor do turismo no que circulaba como ocupante por unha infracción de tráfico.
Todo ocorreu na madrugada deste xoves. Unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra interceptou en Poio un vehículo por mor dunha infracción de circulación que cometera e chamoulle a atención o nerviosismo que presentaba o condutor e o cheiro a marihuana que había dentro do coche.
Ante estas dúas circunstancias sospeitosas, os axentes realizaron un exhaustivo rexistro do turismo. A un dos ocupantes, que xa tiña antecedentes por feitos similares, intervéuselle unha tableta de 51 gramos de haxix que escondía na súa roupa interior e 150 euros en efectivo que gardaba entre os seus efectos persoais.
Os gardas civís incautaron a droga e o diñeiro e detiveron o ocupante do vehículo, un veciño de Pontevedra de 30 anos que responde as iniciais J.M.J.. Atribúenlle un presunto delito contra a saúde pública, por tráfico de estupefacientes.
O detido, xunto coa droga e o diñeiro intervido, foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional.