A ocupación hoteleira incrementa as súas cifras na provincia respecto o ano anterior
Os dous primeiros meses de 2018 pechan as súas cifras cun crecemento de ocupación hoteleira de 3 puntos respecto ao ano anterior. Se en 2017 alcanzábase unha porcentaxe do 33% na provincia de Pontevedra, este ano volveuse a bater un récord, cun 36,4% de establecementos ocupados, a pesar de que o 30% se atopen pechados durante estas datas. Esta tendencia alcista prognostica, por tanto, un bo ano para o sector turístico na provincia.
Estes datos cedidos pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas tamén sinalan un incremento nos niveis de ocupación nos establecementos de turismo rural, con dous puntos de porcentaxe respecto de febreiro de 2017.
A comarca coa maior porcentaxe de ocupación foi a de Caldas de Reis, cun 76%. Máis modesta é a cifra de Pontevedra, cun 32%. Destacan, así mesmo, O Salnés, con 36% e O Morrazo, O Condado e A Paradanta cun 25%.
O perfil de visitantes maioritarios é nacional, sendo españois o 81,25% dos turistas, provenientes na súa maioría de de Madrid, Barcelona, País Vasco, Albacete, Asturias e Guadalaxara. En canto aos estranxeiros, o 18,75% proveñen, sobre todo, de Italia, Arxentina, Francia, Portugal e Reino Unido.
Como principal atractivo buscado polos visitantes, gaña a cultura. A maioría deles teñen máis de 60 anos e alóxanse en hoteis durante 4 a 6 días. O 77% dos entrevistados en xaneiro, ademais, declaran non visitar antes a provincia.