A Xunta dá comezo ao deslinde dos montes veciñais de Lourizán
Por Redacción
O 1 de marzo iníciase o deslinde dos montes veciñais de Lourizán por parte da Xunta de Galicia. A súa duración depende de moitos factores, polo que é difícil facer unha estimación aproximada, pero estamos a falar dun proceso de moitos meses de duración que podería superar o ano con creces.
Segundo informa a comunidade de montes de Lourizán, o 1 de marzo todos os lindantes co monte veciñal, máis de 600, incluídas as comunidades de montes de Salcedo e San Xulián, están convocados por carta do servizo de Montes a unha reunión no Centro Social de Estribela onde os técnicos da Xunta de Galicia lle explicarán aos asistentes os pormenores do deslinde.
A comunidade de montes de Lourizán tamén ofreceu información nestes meses pasados para todos os interesados que a solicitaron.
Os conflitos polos lindes son unha das grandes problemáticas ás que se enfrontan as comunidades de montes dende a súa creación, coa chegada da democracia, cando os montes veciñais foron devoltos por parte do Estado aos seus lexítimos propietarios, despois de que foran usurpados ao inicio da ditadura. Nestas décadas de historia das comunidades de montes, a cuestión dos lindes teñen sido un dos problemas que máis esforzo e cartos lle teñen custado.
A comunidade de montes de Lourizán ten moitas esperanzas postas neste deslinde porque confían en que que aclare a situación actual, na que os lindes son un quebranto de cabeza que xeran problemas coas comunidades veciñas e con algúns particulares.
Independentemente do resultado, o que se busca é solucionar esta problemática e que deixe de supoñer un gasto de tempo e diñeiro para o futuro.
Vai ser este un dos últimos deslindes, senón o último, que vai levar a cabo a Xunta de Galicia. A Lei de Montes de Galicia de 2012 liberou á Xunta de Galicia de ter que realizar estes procesos a petición das comunidades de montes, á que lle obrigaba a lei anterior. Lourizán solicitouno un mes antes da aprobación da lei actual, que se viu obrigada a acudir ao contencioso administrativo cando a Xunta de Galicia denegou a dita solicitude, amparándose na nova lei, aínda que por todos é coñecido que as leis non teñen carácter retroactivo. En consecuencia, este deslinde é en execución de sentenza xudicial.
A xunta rectora actual desta comunidade de montes detectou fai uns anos que os límites oficiais da parroquia están errados en moitas hectáreas, en beneficio da parroquia de Salcedo. Isto xa deu problemas no pasado, á hora por exemplo de facer o inventario patrimonial da parroquia por parte do Concello, pois moitos dos elementos patrimoniais non aparecían incluídos nin en Salcedo nin en Lourizán.
Para modificar os lindes parroquiais, o Concello de Pontevedra debe solicitalo á Xunta de Galicia e ten que ser aprobado polo Parlamento de Galicia. A comunidade de montes está á espera de rematar o deslinde para intentar solucionar esta cuestión.