Habilitan un espazo no Hospital Provincial para o encontro das asociacións de pacientes cos doentes
Por Redacción
A xerencia do Complejo Hospitalario de Pontevedra vén de habilitar un espazo no Hospital Provincial para que as asociacións de pacientes poidan ter un lugar fixo como punto de encontro cos doentes da área sanitaria.
Tras manter diversas reunións con máis de 20 colectivos, nas que a dirección presentou a sala e se interesou polas necesidades das asociacións de pacientes, o espazo xa está operativo e pode reservarse dende esta semana.
Esta iniciativa, valorada de maneira moi positiva polas partes implicadas, ten como principal obxectivo facilitar a relación dos pacientes e familiares coas asociacións correspondentes, de forma que os doentes poidan ter acceso a toda a información que precisen como complemento á actividade asistencial prestada polos profesionais do Sergas.
Outra das finalidades desta sala, situada na entrada principal do Hospital Provincial, é aproveitar o punto de encontro para establecer unha canle de comunicación entre a Xerencia, os profesionais, as asociacións, os familiares e os pacientes.
Con respecto ao protocolo de funcionamento, os colectivos interesados en solicitar o espazo de asociacións tan só teñen que cubrir un formulario que deberá entregarse na secretaría de xerencia do Hospital Provincial. A día de hoxe, xa hai seis solicitudes rexistradas para a reserva da sala.