A Garda Civil investiga tres menores que causaron diversas lesións a outro no Entroido de Hío
Por Redacción
Axentes da Garda Civil están a investigar penalmente tres mozos, un deles veciño de Bueu, por un suposto delito de lesións. Os tres menores de idade presuntamente serían os autores dunha agresión física a outro menor veciño de Cangas, durante a celebración dos actos festivos do entroido en Hío, no municipio de Cangas do Morrazo.
Os feitos ocorreron segundo os efectivos do posto principal da Garda Civil de Cangas o 13 de febreiro no marco dos tradicionais actos festivos do Entroido. O incidente orixinouse cando o mozo de Cangas, de 17 anos, paseaba coa súa noiva e comezou a ser insultado e ameazado polo anterior mozo da súa parella, que os atopou de maneira fortuíta.
A parella de adolescentes decidiu abandonar o lugar ante a tensión que se rexistraba pero un grupo de amigos do ex interceptoulles o paso. Os amigos comezaron a golpear ao veciño de Cangas, incitados polo ex causándolle unha fisura no quinto metacarpiano da man dereita, ademais de diversos hematomas e erosións.
A investigación da Garda Civil permitiu localizar e identificar o ex e os dous amigos que participaron na pelexa, todos eles menores, con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos. Os axentes notificáronlles a súa condición penal de investigados como supostos autores dun delito de lesións.
Durante as pescudas, recompiláronse varios audios nos que o incitador da agresión presumía da pelexa nas redes sociais. Tamén se constatou a existencia dun grupo de whatsapp no que os integrantes, entre os que se atopaban estes menores, retaban con ameazas e narraban as agresións e as pelexas.
As dilixencias instruídas e as probas obtidas polos axentes remitíronse ao Xulgado de Instrución de Cangas e á Fiscalía de Menores.