Ferido un adolescente vigués tras ser asaltado pola pandilla que lle ía a comprar droga
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra detivo dous mozos, de 18 e 19 anos de idade, un deles polo presunto delito de tráfico de drogas e o outro polos supostos delitos de lesións e roubo con violencia. Outras tres persoas máis foron identificadas como responsables das lesións e do roubo con violencia.
Os feitos tiveron lugar este domingo. Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura Local, un veciño da rúa Entrevías chamou á central alertando de que un rapaz atopábase tirado na rúa, cunha ferida na perna dereita da que sangraba abundantemente.
Tanto o ferido como o seu acompañante declararon aos axentes que acudiron ao lugar que cando paseaban pola rúa foron asaltados por un grupo de sete persoas "con intención de roubarlles ou agredirlles" polo que emprenderon a fuxida en distintas direccións.
O ferido explicou que cando trataba de escalar un enreixado foi agarrado por detrás por algún dos perseguidores, cravándose un dos ferros en forma de punta de frecha na perna. Este mozo foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Montecelo.
Varias testemuñas informaron á patrulla que acudiu ao lugar que todos estes mozos saíran dunha casa abandonada de Entrevías, confirmando a versión facilitada pola vítima e o seu acompañante.
Mentres tanto a Policía Local montou, co apoio de varias unidades policiais, un dispositivo de procura do grupo de mozos.
Tras unha inspección no interior da casa abandonada, os axentes atoparon unha landra de haxix cunha marca determinada. Ante a sospeita que a versión facilitada non era tal como manifestaran as vítimas e que máis que un roubo ou agresión podería estar relacionado co trapicheo de drogas, os axentes reconstruíron o percorrido feito polo ferido desde a casa ata o lugar do enreixado, atopándose con outra landra coa mesma marca.
No mesmo momento, outra patrulla da Policía Local de Pontevedra comunicou que localizara un grupo de tres rapaces no lugar do Pazo (Salcedo) e que coincidían coa descrición facilitada, tanto polas vítimas como a das testemuñas. A un deles, nun cacheo superficial atopóuselle no calcetín outra landra de haxix, coa mesma marca, e a outro unha carteira que contiña varias fotocopias de billetes de 20 euros e nas proximidades do lugar onde foron localizados este grupo de mozos, atopáronse dúas landras máis coa mesma marca.
Ao sospeitar que se trataba dalgunha transacción de drogas, unha patrulla desprazouse ao Hospital de Montecelo co fin de practicar un cacheo ás dúas persoas trasladas ao centro hospitalario. A un deles interviñéronlle sete landras máis, coa mesma marca. Ante estas evidencias, os axentes policías volvéronlle preguntar sobre o que realmente sucedera, confesando que ambos se trasladaran desde Vigo a Pontevedra en autobús, xa que quedaran cun mozo na estación de Pontevedra para venderlle 13 landras de haxix.
Cando contactaron con esa persoa mostroulles unha carteira cun feixe de billetes de 20 euros (que resultaron ser fotocopias) e pediulles que lle acompañaran á súa casa, acudindo á vivenda abandonada na rúa Entrevías onde ao entrar, un grupo de seis novos rodeáronlles con intención de roubarlles, polo que comezaron a fuxida antes descrita.