Os bombeiros interveñen nun pequeno incendio en Virxe do Camiño
Por Redacción
A primeiras horas da tarde deste martes, os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron que acudir ata a rúa Virxe do Camiño para intervir nun incendio que se rexistrara na Academia Galega de Masaxes.
O establecemento que se atopa no número 4 desa rúa sofreu danos nun radiador e en varias padiolas e utensilios, segundo a información facilitada polos Bombeiros de Pontevedra.
As pequenas brasas, segundo os primeiros indicios, iniciáronse no radiador. Ao tratarse dun espazo pechado, as lapas non se propagaron e, desta forma, evitouse que o incendio fose de grandes proporcións.
Os bombeiros, que se trasladaron en dous vehículos ata a zona, ventilaron a instalación. Ata o lugar tamén se desprazaron axentes da Policía Local que curtaron a rúa ao tráfico.