Tensa inauguración da mostra que aborda o papel que tivo a Ría de Pontevedra como motor económico
Por Mónica Patxot & Redacción
A sede de Afundación acolle desde este venres día 9 e ata o vindeiro martes 3 de abril, a exposición "O patrimonio da nosa ría". Trátase dun percorrido gráfico pola historia do noso patrimonio cultural e industrial.
Milagros Bará e Amancio Landín son os comisarios desta mostra divulgativa sobre a historia de Pontevedra, patrocinada pola empresa ENCE e centrada no papel fundamental que tivo a ría como motor económico de crecemento.
A inuguración deste venres estivo marcada polas protestas dun grupo de membros da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), co seu presidente Antón Masa á cabeza, que protestaron airadamente durante a intervención do director de Ence en Lourizán, Antonio Casal.
A Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas organiza a exposición, nacida da idea orixinal de José Ramón Carril.
A mostra está dividida en 36 temas que seguen unha orde cronolóxica que arranca coa formación xeolóxica da ría hai uns 400 millóns de anos e chega ata finais do século XIX, con fotografías, mapas, debuxos e textos.
O visitante poderase atopar con referencias á arte rupestre, os romanos, a importancia da pesca do sal e salgadura, A Moureira, os piratas, os Massó, ata chegar ao comezo transformación industrial da comarca coas figuras do Marqués de Riestra e Montero Ríos.
O público poderá visitar a mostra de forma gratuíta de luns a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados de 17.30 a 20.30 horas.